A FESTA DO CORPUS EN PONTEAREAS

Orixes
A festa do Corpus Christi, ou simplemente do Corpus,
ten a súa orixe en Lieja (Bélxica), onde comezou a celebrala o bispo Roberto
Thorete no ano 1246. 0 Papa Urbano IV fixou o carácter xeral da festa e a súa
data: sesenta días despois de Pascua.
A solemnidade introdúcese en España no século XIV e a primeira festa celebrase
en Barcelona (1319), e logo en Vich (1330) e Valencia (1355). Os primeiros datos
en relación con Galicia remóntanse ó ano 1366 e a Santiago de Compostela e hoxe,
dende a catedral de Santiago ata a máis humilde aldea, tódalas parroquias teñen
unha Custodia de prata dourada para face-lo recorrido procesional.
Esta festa é variable e celébrase 60 días despois do Domingo de Pascua.
Desde que o Corpus Christi (Xoves) xa non é día festivo, a festa se traslada ó
fin de semana (Sábado e Domingo).
0 camiño cúbrese nalgúns lugares de lirios, fiúnchos, rosas e frores de todo
tipo. Ponteareas destaca na confección de verdadeiras alfombras florais. Como
pasa nestas manifestacións tradicionais, pouco se sabe hoxe en día da orixe
desta. 0 que si coñecemos é que hai uns cen anos cubríanse menos rúas e ás veces
facíanse con serrín teñido de varias cores.Hoxe úsase unha ampla variedade de
prantas entre as que destacan a hortensia, o mirto, a mimosa, o fiúncho, a rosa,
etcétera.
A súa longa tradición na confección de alfombras de flores fan que Ponteareas
sexa coñecido internacionalmente como "A Vila do Corpus". Estas
alfombras esténdense ó longo de todo o percorrido da procesión relixiosa. En
total son de 13 alfombras ó longo de varios quilómetros.
A destacar da festividade do Corpus Christi en Ponteareas é o seu profundo
enraizamento e significación relixiosa no que se enmarcan as alfombras de
flores, pois estas se realizan como ofrenda ó Santísimo.
Confección de alfombras
Os traballos de desfolle empezan máis ou menos vinte días antes da festa. En
tódalas rúas ábrense dous ou tres portais nos que se xuntan, coa ilusión
renovada de cada ano, os veciños que queren colaborar, na súa maioría mulleres
O alfombrado das rúas é ante todo unha manifestación popular, pois todo o pobo,
desde os nenos ata os maiores, se vuelca esa noite na confección das alfombras.
A confección das alfombras comeza arredor das 22:00 do Sábado e esténdese ó
longo de toda a noite. Entre as 5:00 da madrugada e as 9:00 da mañá do Domingo
acábanse as diferentes alfombras.
O fin das alfombras é que o Santísimo, en procesión, pase sobre elas. A misa
solemne ten lugar o Domingo pola mañá, de modo que arredor das 14:00 xa non
queda ningunha alfombra nas rúas.
Ademais das alfombras, outros feitos teñen lugar nesta celebración como son a
realización do “cruceiro”, as paradas da procesión nos diversos altares situados
ó longo do percorrido da procesión ou “a batalla das flores” na que miles
de veciños tiran flores desde os seus balcóns sobre o Santísimo ó seu paso en
procesión, dando lugar a un dos momentos mais espectaculares da celebración.
Se cadra o que mellor mostre este carácter popular é que, desde os centos de
persoas que adornan esa noite ata o deseñador, pasando polas varias decenas de
persoas que durante o mes previo traballan incansablemente recollendo,
esfollando e clasificando as flores, todos eles o fan de forma “amateur”, así
atopamos as profesións máis diversas: dependentes, estudiantes, empresarios,
etc. Todos eles traballan de forma voluntaria, nos seus poucos de lecer ou
restando horas de soño, e volven ás súas ocupacións laborais en canto a alfombra
queda desfeita tras a procesión.
Debido sobretodo ó carácter popular da festa, onde todo aquel que queira pode
colaborar, as nosas alfombras son moi extensas, sendo habitual que adianten o
300 metros cadrados. Unha soa alfombra pode chegar a ter varios centos de
persoas adornando.
Recentes estudios demostran que a festividade de Corpus Christi se celebra na
nosa vila desde o s. XVII, e que a tradición de confeccionar alfombras de flores
con motivo da procesión do Corpus Christi se remonta ás primeiras décadas do s.
XIX, segundo queda testemuñado nun documento de 1857.
Proceso de elaboración das alfombras
En canto ó proceso de realización, materiais e técnicas utilizadas, todas as
rúas seguen a tradición secular de Ponteareas con apenas pequenas variantes.
Neste sentido podemos dicir que o proceso de confección das alfombras comeza
moito
tempo antes da data do Corpus Christi coa concepción do deseño, que pode ser
libre, copiado ou inspirado nunha obra xa existente. Nun primeiro momento o
deseño é simplemente un esboceto do que se pretende plasmar na rúa, a
continuación se realiza este debuxo a escala tendo en conta as medidas da rúa a
adornar, e este debuxo ha de se facer valorando xa tanto a disposición dos
materiais na alfombra (pois o numero de cores dispoñibles é limitada) así como
as características propias de cada material. Aproximadamente un mes e medio
antes da data de Corpus e en función da climatoloxía xa se pode facer unha
pequena prospección das materiais e cores que van estar dispoñibles e se é o
caso se retoca o deseño, á vez que comeza a organizarse a recollida de material.
O seguinte paso é realizar no chan, e a tamaño natural, o deseño que temos a
escala no papel, para despois situar un plástico enriba do mesmo e cun rotulador
plasmar ese debuxo no plástico (aquí acostuma ser habitual que se realice
algunha corrección sobre o debuxo orixinal), tradicionalmente se empregaban
moldes de cartón, pero son moi inconvenientes en caso de chuvia. Un mes antes da
data final comeza o esfolle das materiais máis duradoiras (mirta, mimosa, etc.)
e sobre o plástico comezamos a facer buracos seguindo as liñas que días atrás
marcamos con rotulador. Os últimos días resérvanse para os materiais máis
sensibles (a flor debe ser recollida e esfollada nos 2 últimos días) cos que xa
se definen as cores definitivas da alfombra se é que non se puideron conseguir
os que o deseñador previra.
A noite de adornar comeza situando os plásticos sobre a rúa, para a continuación
marcar sobre o chan o debuxo (seguindo os buracos feitos previamente). Isto
acostúmase facer con xiz, xa que tras finalizar o Corpus Christi é sumamente
doado riscar o debuxo da calzada, pero algunha rúa o segue facendo con pintura.
Posteriormente retíranse os plásticos e unindo estes puntos obténse o debuxo
final. Agora é cando comeza propiamente dito o adornado da rúa, nun primeiro
lugar “perfilando” o debuxo, é dicir, cubrindo as liñas que definen os
contornos, con árnica, fiuncho, etc. A continuación cóbrese o debuxo cos
distintos materiais que temos esfollados ata lograr que se pareza o máis posible
á idea orixinal.
Materiais
Os materiais utilizados podémolos clasificar de varias formas, sendo as máis
tradicionais pola cor que proporcionan ou ben polo seu destino na alfombra. Esta
ultima clasificación é a que acostumamos utilizar porque é tamén a que nos marca
a duración dos materiais (e por tanto a data na que se poden esfollar) e a orde
polo que van ser usados na alfombra.
Así, nas alfombras de flores que podemos ver o día de Corpus Christi en
Ponteareas poderemos ver moitos materiais, dependendo da abundancia e
diversidade de flores que haxa nesa época do ano, e da rúa en cuestión, porque
cada rúa emprega os materiais que mellor se adaptan ó estilo da súa alfombra.
Así poderemos atopar:
a) Fondos (Verdes) : Buxo, mimosa, e diversos carrascos.
b) Perfilado : Fiuncho, árnica, cocas de eucalipto, etc.
c) Debuxos (Flores e sementes) : Rosas (vermello e branco), francesiña ou rosa
silvestre (branco e rosa), caravel (vermello, amarelo e branco), hortensia
(branco, azul e morado), pampullo, carrascos (branco, rosa, morado, etc.),
margaridas, gerveras, papoulas, tróquel, “xesta”, toxo, cardo, a flor do
piñeiro, así como outras sementes de plantas silvestres etc.
Materias primas dun traballo artesán
(artigo publicado en A Peneira de Ponteareas, na segunda quincena de maio de
1991) por M. Xesús Rodríguez Álvarez
0
mirto (buxus senpervirens), é o primeiro que se prepara. E un arbusto da
familia das mirtáceas, de follas perennes e frores brancas e de cheiro
agradable. Pode chegar a ter cinco metros de altura; o froito ten tres comiños e
sementes negras, e é velenoso. A parte que nos interesa para adornar son as
follas, de entre un e tres centímetros. Son ovales, tesas e coa punta, a miúdo,
escotada. 0 haz é verde escuro brillante e o envés verde-amarelente mate. Teñen
que quedar estendidas nun sitio fresco e seco e hai que ir dándolle voltas para
que "respire". 0 ideal é unha adega grande.
Despois de ter desfollado o mirto tócalle o turno á
acacia dealbata ou mimosa. Pertence á familia das leguminosas
(toxo, xudea, faba, chícharo, etcétera) e é orixinaria de Australia. É un
arbusto de ata trinta metros de cortiza lisa e gris. As flores son
amarelo-pálidas e olorosas, e dispóñense en capítulos de cinco a seis
milímetros, en panículas. 0 froito ten de dez a doce milímetros de anchura; é
comprimido, pardo e pruinoso. Tamén neste caso interésannos as follas, que son
xoves, con tomento branquecino e con 30 a 50 pares de foliolos secundarios,
lineares e velloso- prateados. A técnica máis fácil é colle-la folla polo
pedúnculo e con dous dedos da outra man tirar cara abaixo, entón quedarannos
tódolos folíolos separados. Tamén necesita permanecer moi estendido, o mesmo que
o mirto, nun sitio seco e fresco, e hai que voltealo tódolos días para que non
fermente e non se podra.
0 seguinte paso é prepara-la
árnica (arnica montana), familia das compostas (manzanilla, tomillo,
cardo, margarita, crisantemo, leituga ... ). É unha pranta medicinal, de entre
15 e 60 centímetros, aromática (o nome vén do grego ptarnike: que fa¡ espirrar
polo seu forte cheiro). 0 talo é oco e piloso. As follas inferiores son
lonxitudinais, ovais ou lanceoladas. As flores dispóñense en un a sete capítulos
grandes, amarelo-alaranxados, de catro a oito centímetros de diámetro. A flor da
árnica úsase para perfilar; canto máis recollido sexa o capullo, máis bonito
queda. É un traballo moi laborioso, xa que é preciso segui-lo debuxo, flor a
flor. Cando se manexa árnica un pode quedar empapado no seu cheiro durante
bastante tempo. Hai un truco que se fai cando a flor da árnica está moi aberta,
e é metela en auga de véspera. Por fin, a poucos días da festa, vaise preparando
o material máis delicado e esperado por todos, que son sen dúbida os pétalos das
flores. Esto faise a última hora para evitar que se poñan axados, e sepáranse e
clasifican en caixiñas según as diferentes cores.
A
hortensia ou hydrangea, da familia das saxyfragaceas, é unha
pranta arbustivo, de gran valor ornamental. Presenta moitas variedades, tanto na
cor das flores coma na persistencia da floración e no tamaño das
inflorescencias. A especie hydrangea arborescens foi traída de América en 1736,
e ten flores verdosas e non moi bonitas. Nos nosos xardíns domina a hydrangea
hortensis de flores brancas ou rosadas; se queremnos ter hortensias azuis ou
encarnadas só temos que botar sales de ferro ou alúmina na terra de que se
alimentan as raíces; tamén poden enterrarse cachos de latas vellas ó lado da
planta. As follas son simples, pecioladas, dentadas, enteiras ou lobadas. As
flores dispóñense en inflorescencias; as do marxe son esteris e teñen catro
pétalos e as centrais son fertis e máis pequerrechiñas. Non dan semente e só se
multiplican por estaca. A especie de América ten un alcaloide, a hidranxina, que
se emprega en preparados de acción diurética, diaforética e catártica. Coas
follas de hydrangea opuloides os Japoneses preparan unha bebida que chaman
amacha.
As fermosas rosas pertencen a unha familia de máis de 2.000 especies e
teñen unha morea de híbridos. Son arbustos espiñosos. As follas con dentes e
nervos glandulares, son pinnadas. As flores solitarias ou en inflorescencias
teñen catro ou cinco pétalos que poden ser rosa- purpúreo vivo, amarelo, branco,
encarnado... Os talos teñen espiñas que serán robustas ou endebles segundo a
especie, e poden ser verdosos ou roxizos. 0 seu froito é o cirronodón.
Cando chega o Corpus, que pode cadrar entre maio e xuño, a variedade que máis
abonda é a i chamada
Francesa, que medra en muros de camiños, e é unha rosa tan pequena coma
fermosa. Os pétalos das rosas van a adornar os motivos centrais das alfombras,
que son os principais. Cando faltan flores por mor do mal tempo, ou porque a
festa adra moi cedo, vanse buscar onde Árnica sexa; ata ás veces tense chegado a
Portugal e á zona de A Guarda. Pídenselle ós veciños, que colaboran con gusto,
aínda que hai algúns celosos dos seus xardíns que non se suman á festa,
coa recompensa de que ás veces despértanse co xardín baleiro. Ata. aquí unha
lista das prantas que casque con seguridade imos topar en tódalas alfombras de
Ponteareas.
Despois hai unha serie de prantas que cada ano vanse usando máis e que axudan
cando hai pouca hortensia ou rosa. É o caso da
carriza ou erica, da que usamos as florciñas de cor lila; o
pampullo ou
margarita, da que se usan os pétalos brancos e os amarelos do medio; ou o
café, do que requirimos o froito miúdo para esparcirlo formando sombras nas
facianas, cabelo e mantos dos santos, xunto coa axuda de terra e area. Tamén
serve a legume da xesta (ollos de gato), as campaíñas, e todo o que os veciños
teñan no maxín, e contribúa a embelecar as rúas para o paso do Santísimo.
Importancia da festa
A importancia da festa pontareana demóstrase non só cos miles de visitantes que
cada ano visitan a confección das alfombras ó longo de toda a noite, senon con
diversos recoñecementos oficiais entre os que podemos destacar:
Ø Ben Galego de Interese Turístico.
Ø Declarada de Interese Turístico (1968).
Ø Declarada de Interese Turístico Nacional (1980).
Hermanamento con La Orotava
Desde fai 19 anos existe unha irmandade coa Vila da Orotava, que tamén ten unha
tradición de mais de 100 anos, de modo que o día de Corpus Christi unha
delegación canaria realiza unha alfombra de flores en Ponteareas, e unha
delegación pontareana se despraza días despois para confeccionar outra alá.
Alfombras realizadas fóra de
Ponteareas
Tan longa tradición vése reflectida nun importante recoñecemento internacional.
Ó longo dos anos, as xentes de Ponteareas realizou alfombras de flores fóra da
súa localidade con motivo de feitos excepcionais, predominando as orixinadas por
motivos relixiosos. Algunhas destas ocasións son:
· 09-11-82 Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela. Con motivo da 1ª visita
do Papa Xoan Pablo II a España.
· 02-02-83 Praza de Sta. Ana, Cidade do Vaticano.
· 22-09-84 Santuario de Torreciudad (Huesca). Peregrinación anual mariana.
· 27-01-85 Caracas, Venezuela. Primeira visita do Papa Xoan Pablo II a
Venezuela.
· 20-09-87 Munich, Alemania. Festa da Cerveza.
· 20-08-89 San Martín Pinario, Santiago de Compostela. Visita do Papa Xoan Pablo
II (Xornada Mundial da Xuventude).
· 21-06-92 Sevilla (Exposición Universal 1992). Procesión do Corpus Christi do
Barrio de Triana.
· 25-07-92 Praza de Maio, Bos Aires, Arxentina. Festividade de Santiago
Apóstolo.
· 10-07-93 Newport, Reino Unido. Con motivo do hermanamento entre Ponteareas e
Isle of Wight County.
· 25-07-93 Salvador de Bahía, Brasil. Festividade de Santiago Apóstolo.
· 1994 Shanklin, Isle of Wight, Reino Unido.
· 5-06-94 Caracas, Venezuela. Inauguración dunha iglesia.
· 27-04-95 Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela. Invitación da Casa Real
con motivo da visita dos reis de España e Noruega.
· 12-05-95 Casa de Galicia, Madrid. Presentación nacional das festas do Corpus
Christi.
· 11-02-96 Caracas, Venezuela. Segunda visita do Papa Xoan Pablo II ó país.
· 1998 A Coruña, visita do prelado do Opus Dei.
· 2001 Santiago de Compostela. Presentación nacional das festas do Corpus
Christi

Fontes de información: Artigo "As flores do
Corpus: materia prima dun traballo artesán" (por M. Xesús Rodríguez Álvarez,
publicado na segunda quincena de maio de 1991 en A Peneira,
www.apeneira.com,
de Ponteareas;
www.corpusweb.org,
www.ponteareas.org
Ver Temas relacionados:
O concello de Ponteareas
"Ponteareas máxica": Ritos, mitos e lendas, por Manrique Fernández
Lugares de Ponteareas
Banda de Unión de Guláns
Ponteareas, o primeiro pasodobre galego
www.galespa.com.ar