CONCEPCIÓN ARENAL: UNHA MULLER PRECURSORA NO SEU TEMPO

 "Foi unha das mulleres máis sobranceiras da España do século XIX e tamén unha das iniciadoras do feminismo. Licenciada en Dereito, prolífica pensadora do dereito penitenciario e da medicina hospitalaria, practicou con tenacidade as súas ideas, inspiradas nos principios da liberdade, da xustiza e da caridade, foi visitadora de Prisións de mulleres, organizadora da Cruz Vermella, xornalista, poeta, novelista, autora dramática e de zarzuela... ."

 

Concepción Arenal naceu nunha modesta casa de Ferrol o 31 de xaneiro de 1820. A súa nenez transcorreu na Coruña. O seu pai, liberal constitucionalista, fora sarxento maior e secretario político do Goberno Superior da Provincia de Galicia en 1820. Pola violenta represión absolutista sofreu persecución, cadea e desterro. Eses padecementos levárono á morte ós trinta e nove anos. En 1829 marcha coa súa nai, de quen vai recibir unha férrea formación relixiosa, a Armaño, en Santander. En 1834 está instalada en Madrid. Sete anos despois, contra a oposición materna, entra, por primeira vez na Universidade española, como oínte nas aulas de Dereito, disfrazada con indumentaria masculina. Vestida tamén de cabaleiro participa nas tertulias políticas e literarias, rexeitando deste xeito a tradicional condición da muller do seu tempo. Rematou a carreira e, en 1848, casou co tamén avogado e escritor Fernando García Carrasco. Anos despois o matrimonio colaborou no xornal liberal "Iberia", pero en 1857 morreu o seu home e quedou sin recursos.

Concepción Arenal non foi, unicamente, unha prolífica teórica de prodixioso telento, senón que tamén practicou con tenacidade as súas ideas, inspiradas nos principios de liberdade, xustiza e caridade.

En 1859 fundou en Potes, o grupo feminino das Conferencias de San Vicente de Paúl para axuda dos pobres. En 1861, a Academia de Ciencias Morales e Políticas premiouna pola súa memoria "La beneficencia, la filantropía y la caridad" . Era a primeira vez que a Academia premiaba a unha muller.

En 1863 convértese tamén na primeira muller que recibe o título de Visitadora de Prisións de Mulleres. Reside na Coruña e en tres meses visita tódalas cadeas de Galicia.

En 1868, Concepción Arenal é nomeada Inspectora de Casas de Correción de Mulleres. Tres anos despois sae á luz en Madrid "La Voz de la Caridad", revista fundada por A. Guerola e Arenal e na que escribe durante catorce anos, destapando as miserias do mundo que lle rodea. Funda, en 1872, a "Constructora Benéfica", unha sociedade filantrópica de casas baratas para obreiros. Organiza en España a Cruz Vermella de Socorro para os feridos da guerra carlista e está voluntaria durante varios meses á fronte dun hospital en Miranda de Ebro. É unha das mentes máis lúcidas da historia da medicina hospitalaria polas súas aportacións á curación dos enfermos, á asistencia sanitaria e psiquiátrica, á hixiene e ó papel da muller nas diferentes institucións relacionadas coa cura dos doentes. Con ela nace o feminismo en España, ó rachar coa tradicional marxinación da muller e reclama-lo seu protagonismo en tódalas esferas da vida social.

Dentro da súa densa e prolífica obra, a triloxía do seu pensamento de penalista xenial,  pódense nombra as obras "Estudios penitenciarios", "Cartas a los delincuentes".No estranxeiro foi proclamada como unha autoridade internacional na materia creadora da súa propia doutrina, sen seguir ningunha escola penitenciaria . Reservabáselle un lugar de honra en tódolos congresos penitenciarios de Europa e os Estados Unidos, nos que participou sen estar nunca presente, pois non quixo sair do país. Os seus maxistrais informes son unha lúcida e anticipada visión de moitos problemas futuros.

Concepción Arenal foi tamén poeta, novelista, autora dramática e de zarzuela. Como xornalista escribe en numerosas revistas especializadas e asinou artigos na prensa galega e na da emigración en Cuba.

Esta penalista morreu en Vigo o día 4 de febreiro de 1893 despois dunha penosa enfermidade. Despois da súa morte, o seu fillo costeu  a publicación das súas obras completas.

Fte: ferroláns ilustres

 

www.galespa.com.ar