O castiñeiro de Pombariños
Unha
árbore sen terra (Rozavales-Manzaneda)
por
: Tomás Vega Pato
( Debuxos e fotos do autor)
Artigo publicado na revista "RAIGAME",
Nro. 3 (Novembro 1996)
editada pola
Asoc. Castro Floxo de Ourense
e impresa pola Dep. de
Ourense
Castiñeiro de Pombariños
Nunha comarca con tanta tradición e arraigamento do cultivo do castiñeiro, como
son as terras de Manzaneda, forzosamente tiñan que darse especiais curiosidades
en torno a esta árbore que xogou tan importante papel na dieta alimenticia dos
seus habitantes, influindo ademais na peculiar tipoloxía dalgúns elementos que
compoñen a súa vivenda ou construccións auxiliares, mobiliario, enseres, etc., e
aínda nos costumes festivos, ou mesmo no entretemento dos nenos que atoparon no
castiñeiro elementos propicios para liberar a súa creatividade mediante a
confección dalgún dos enredos cos que acostumaban xogar
(1).
Dos abultamentos do tronco do castiñeiro tamén se obtiñan as bolas empregadas no
xogo dos bolos propio da parroquia.
Imos a ocuparnos aquí de aspectos do castiñeiro de notoria singularidade,
remitíndonos só ó etnográfico e natural, xa que o caso concreto que
describiremos presenta interesantes aspectos xurídicos que non son habituais na
nosa investigación e que non dubidamos merecerán a atención doutros
especialistas que no futuro se ocupen de ditos aspectos.
Referímonos a un xigantesco castiñeiro de gran antigüidade, habendo que cifrar a
idade do mesmo nuns mil anos
(2). Existe no lugar de Pombariños
moi próximo á aldea de
Rozavales na parroquia de
San Martiño de Arriba. O acceso ó emprazamento do castiñeiro faise
pola estrada Pobra de Trives –Encomenda– Manzaneda, tendo que percorrer un
pequeno treito a pe por bo camiño.
O chamadoiro de Pombariños é unha superficie poboada de grandes e fructíferos
castiñeiros, situada nunha altitude media duns 700 m.s.n.m., cal cota se empraza
no límite superior dunha franxa onde se observa un menor efecto da enfermidade
denominada tinta. Queda comprendido o devandito topónimo entre o lugar de
Rozavales e os sitios de Chao de Pisco e A Espiuca, limitando tamén co camiño
que leva á serra, e que, ascendendo polo penedo Rubio, Chao de Pexa e o Piago
acada a cume da Cabeza Grande.
|

Persoas «abrancando» o castiñeiro de Pombariños para estimación do seu
perímetro
|

Cara Leste do tronco; silueta comparada.
|
Pero a peculiaridade do castiñeiro non só se basea na súa lonxevidade, ou na súa
descomunal corpulencia, a este respecto diremos que o seu perímetro, medido á
altura da vista dunha persoa de estatura media, aproxímase ós 14 metros. Para
ter unha idea máis gráfica diremos que se precisan dez persoas adultas collidas
das mans, cos brazos extendidos para "abrancar" todo o seu contorno.
A peculiaridade máis sobresaínte consiste no seu réxime de propiedade que é o de
castiñeiro sen terra. Estriba esto en que os propietarios da árbore, é dicir, os
que se benefician da colleita dos
"bullotes", producción de madeira, leña, etc., non son os propietarios
do terreo no que ten arraigamento e no que, á súa vez, se practica ademais outro
cultivo compatible coa recolección das castañas. Sonnos coñecidos outros casos
de castiñeiro sen terra; na súa maioría secaron a causa da plaga da tinta. Por
facer referencia a algún destes mencionaremos en Manzaneda o do Lameiro da Aira,
o das Regadas, o da Ponte Barxa e o das Cruces.
A orixe dos castiñeiros sen terra, segundo as pesquisas realizadas, deriva case
sempre das partillas, quedando a terra de labor ou prado en posesión dun
herdeiro e o castiñeiro na do outro. A este respecto convén aclarar que non nos
é coñecido ningún castiñeiro sen terra situado nun souto. Esta circunstancia
obvia, polo tanto, a opinión, baseada máis na hipótese que na tradición, de que
este singular réxime de propiedade teña outra posible orixe nun préstamo de
diñeiro ou especies, deixando a árbore como garantía a xeito de hipoteca que en
caso de incumprimento pasaría á propiedade do prestamista. Non obstante enos
coñecida, aínda que nun só caso, outra forma de orixinarse a posesión do
castiñeiro sen terra.
Nun monte comunal de pastoreo alguén planta para a súa explotación persoal, sen
obstáculos polo resto dos veciños, un castiñeiro ou varios; posteriormente outro
veciño, tamén sen oposición comunal, "rompe" o mesmo terreo para sementar
centeo; este último será quen consolide a propiedade da terra, respetándolle ó
primeiro a dos castiñeiros e por conseguinte da súa producción e aproveitamento
integral.
En calquera caso o dereito á árbore remata coa súa extinción natural, o que é
aceptado e respetado por ámbolos dous propietarios, salvo que se dea determinada
circunstancia, derivada dun comportamento natural da árbore o cal aseguraría o
dereito á continuidade do mesmo. É sabido que os castiñeiros debido á acción de
certos organismos, como poden se-los fungos, larvas de insectos, etc., e cando o
tronco ten certa corpulencia e idade, adoita secar interiormente ó
descompoñerse, dando lugar ó que coñecemos por caracochas. Cando esto
sucede, e posiblemente por necesidades de arraigamento, o castiñeiro bota raices
no interior, das que xurde algún rebento (3)
, ou brote, que cando convén "guíase" para substituir ó castiñeiro matriz ou
portador (4).
Este comportamento natural do castiñeiro da lugar á aparición da picaresca, de
xeito que cando non se da a presencia do rebento de forma espontánea, recórrese
ás veces á introducción subrepticia dun pé, obtido por semente, a xeito de brote
dentro da caracocha, así, cando este alcance o porte necesario, no caso de
extinción do castiñeiro primitivo, e sempre que o fraude non sexa detectado
permanecerá o dereito á árbore
(5).
Como remate diremos que o castiñeiro de Pombariños goza de gran popularidade
dentro e fóra da comarca, sendo costume que os descendentes de emigrados da
parroquia nas súas visitas a Galicia veñan a contempla-la árbore cal
coñecemento, mitificado, obtiveron por relato dos seus maiores.
Na actualidade e despois da súa cesión polos seus propietarios –familia García
Fernández– á Xunta de Galicia, temos noticias de que este organismo proxecta
levar a cabo diversas actuacións no contorno, en orde a unha mellor conservación
e máis fácil acceso ó castiñeiro, así como á creación dun espacio para ocio e
recreo.
Como curiosidade engadida diremos tamén que a producción de froito do
castiñeiro, segundo nos comentaron os propietarios anteriores á familia que fixo
a cesión, era, nun ano de boa colleita, superior ós corenta ferrados, é dicir
uns 700 Kg. Así mesmo algunhas das trabes obtidas do castiñeiro, e que se
conservan en edificacións destes antigos propietarios, superan os trece metros
de lonxitude.
A árbore chegou a ter simultaneamente ata cinco destas grandes pólas, o cal da
idea do imponente aspecto que en tempos tivo, moi diferente ó actual, aspecto
que previsiblemente non recuperará nunca, xa que distintos factores, dos cales
os principais foron o lume e os efectos dun vendaval, imposibilitaron a
permanencia dunha fronde en tales condicións, pois o actual tronco non
soportaría semellante carga.

Introducción dun falso rebento na
caracocha dun castiñeiro.
VOCABULARIO
|
Abrancar |
Abarcar, abranguer |
|
Bullote |
Xeralmente castaña, aínda que na actualidade o termo aplícase máis á
castaña asada no tixolo ou cacho. |
|
Chamadoiro |
Topónimo dun conxunto de eidos. |
|
Guiar |
Por titor e coidar un rebento, ou planta para que medre dereito e san. |
|
Romper |
Traballar, labrar por primeira vez un terreo para o seu cultivo. |
|
Tixolo |
Utensilio de ferro con mango e asa, no que se dispoñen rendixas para
facilita-lo asado dos bullotes. Tamén se denomina cacho. Pónse ó lume
dependurado dunha gramalleira. |
OUTRAS VERBAS RELACIONADAS COS CASTIÑEIROS
|
Abano |
Utensillo para, mediante movementos alternos: arriba, abaixo, esquerda e
dereita, separa-las castañas secas da muiña. Cóllese por dúas asas
laterais e cólgase do pescozo mediante unha corda. Ten forma de media
lúa e leva un cerco semellante a un ladreal curvo que diminúe en altura
dende o centro cara ós lados. |
|
Banduxo |
Abano. |
|
Bolécara |
1. Castaña abortada dentro do ourizo, só consta dos tegumentos, sen
froito interior.
2. Tributo que a xente da montaña, maiormente os queixalaos tiñan que
pagar ós da ribeira (ribeiraos), pola posesión de soutos e sequeiros.
Consistía nunha cesta de castañas. Cos cartos obtidos da súa venda
celebraban os mozos unha comida coñecida por “conrobla”. |
|
Burgazo |
Castaña fresca cocida, para comer con leite. |
|
Caldudas |
Comida a xeito de potaxe, feita basicamente con castañas secas cocidas. |
|
Mamota |
Castaña asada que quedou blanda, e non libera a casca con facilidade. |
|
Mol |
Dise da castaña seca que non alcanzou o grao suficiente de
deshidratación, polo que non se garda. Era a ledicia dos rapaces durante
a pisa. |
|
Muiña |
Tegumentos da castaña unha vez seca; sepáranse por medio do abano, sendo
moi apreciados para face-lo braseiro, por arder moi ben. |
|
Picós |
Pequenos anacos de castaña seca procedentes da pisa. Destinábanse a
comida para os animais. |
|
Pisa |
Acción de separa-la muiña das castañas secas. Realizábase mediante
golpes, para o que se metían as castañas nun saco que se collía por dous
homes polas dúas esquinas do fondo, e erguéndoo cun forte impulso
golpeábase contra o pisón reiteradamente. Para colle-lo saco polas
esquinas fondeiras metíaselle unha pataca e logo atábase. |
|
Pison |
Especie de talleiro para a pisa. Polo xeral estaba doutado de pés de
madeira. |
|
Zaranda |
Abano |
NOTAS
(1) . T. VEGA PATO: “Dos enredos tradicionales de la comarca Navea-Bibei
(Ourense)”. Boletín de estudios Seminario FONTAN SARMIENTO, nº 11, Santiago
(1990).
(2) . E. VIEITEZ CORTIZO. “El castaño” Caixa Ourense, Ourense (1996), páx. 35.
(3) . No caso que nos ocupa tamén se produciu este fenómeno como pode apreciarse
nas fotografías.
(4) . Esto pode acontecer, non só pola morte do castiñeiro matriz senón por
outras causas como poden ser: excesiva corpulencia con escasa producción,
aproveitmento de madeira, necesidade de leña, etc.
(5) . Coñecemos un caso concreto que nos foi relatado por un dos fillos do
autor, do feito no que foi introducido un falso rebento.
www.galespa.com.ar