O castiñeiro en
Galicia
As raíces etimolóxicas do seu nome, castiñeiro,
proceden do termo grego
"castanon" que deriva de
Castana, cidade antiga do Ponta, en
TURQUÍA. Considérase que é orixinario do sueste de
Europa e Asia Menor, aínda que tamén podería ser ventureiro dende tempos
antigos na península ibérica, o que confirmaría a esta árbore coma
autóctona.
É de supoñer que dende moi cedo esa especie foi aproveitada polo home
primitivo, xa que lle fornecería alimentos fáciles de obter, aínda que nos
traballos arqueolóxicos, feitos nos castros galegos non se atopou, polo de
agora, ningún sinal de que os poboadores empregaran a
castaña como alimento antes do século
I.
Esta situación viuse radicalmente cambiada coa chegada das lexións romanas,
que nos tempos de Augusto exercían o seu dominio
sobre cántabros e ástures. Durante a romanización perfecciónanse as
prácticas agrícolas, dedícanse ó cultivo as terras máis fértiles, e ademais
de introducirse novos cultivos lévanse tamén a cabo novas plantacións de
árbores útiles como é o caso do castiñeiro. Os romanos eran sabedores do
valor alimenticio da castaña e xa dispuñan de boas variedades, que ían
plantando nos lugares a medida que os ían conquistando.
Trouxeron as clases froiteiras e as técnicas de cultivo empregadas nos Balcáns
ou en Oriente Medio, onde esta especie tiña unha presencia máis continuada.
A extensión desta árbore pola península ibérica durante a dominación romana
sufriu un cambio no século VIII, coa chegada dos árabes, que supuxo o
abandono das terras da meseta e das áreas de montaña.
Co desenvolvemento da Reconquista colonizáronse de
novo as terras abandonadas.
Tamén hai que ter presente a importancia que tiveron os mosteiros no
espallamento do cultivo do castiñeiro. Así en Galicia existen noticias de
colonizacións realizadas durante os séculos X e XI polos frades bieitos de
Celanova nas que introducen o cultivo do castiñeiro xunto con outros coma ó
do viño, en lugares onde aínda non se coñecían.
.
Foi precisamente o castiñeiro o que fixo posible a mantenza dun elevado número
de poboación nas zonas rurais. Ata o descubrimento de América e a
introducción da
pataca e o
millo en Europa, a dieta dos nosos devanceiros baseábase no
"millo miúdo"
(mijo) e nas castañas que
eran a base de alimentación en Galicia.
Así como ó americano "maíz"
chamámoslle millo en toda Galicia,
nalgunhas bisbarras chamaron ás
patacas "castañolas"
ou "castañas da terra".
O inicio do cultivo de pataca e millo no século XVIII, e o conseguinte cambio
na alimentación, fixo que se tallaran os soutos para as novas plantacións
nas boas terras forestais, sobre todo na provincia de Pontevedra.
A fins do século XIX a aparición da enfermidade da tinta causou a morte de
moitos castiñeiros.
Poucas árbores prestaron tanto servicio ó home coma o castiñeiro, ademais da
súa madeira. O seu froito en tempos pasados, salvou de morrer de fame a
moitas poboacións e segue consumíndose polo alto poder alimenticio que
encerra.
O castiñeiro foi básico na alimentación galega, e tamén para os carpinteiros.
A súa madeira é mala para o lume pero de grande utilidade para outro uso,
debido a súa lonxevidade, especialmente na fabricación de mobles, apeiros de
labranza, vigas das casas, portas, fiestras, cancelos, cercados e tamén os
útiles e apreciados cestos empregados en tan diversas tarefas agrícolas da
nosa cultura. Tamén o comen os animais domésticos.
Sen dubidalo é a árbore de máis vitalidade. Hai castiñeiros de centos de anos,
con caracocha oca, superando os dous metros de diámetro no tronco e os 20
metros de altura.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "Conociendo Galicia", Xosé María Manteiga.
"Historia de Galicia", Ramón Villares.
www.galespa.com.ar