A CANDELORIA:
a festa da luz e día do amor nos antigos costumes galegos
A
Candeloria é unha festa relixiosa que se celebra o día 2
de febreiro. Consiste na bendición das candeas que despois
serían utilizadas na celebración da Semana Santa (máis exactamente o xoves
santo). Pero en Galicia ademais era considerada a data coma un preludio da
chegada da primavera e con ela o renacer da natureza. Dicíase que era a época do
casamento dos paxaros e para os mariñeiros tamén era o comezo da navegación
despois da longa espera no período invernal no cal a maior parte das
embarcacións non saían dos portos.
Noutros tempos estas candeas eran utilizadas para ser postas nas mans dos
moribundos coma símbolo de protección cristiá no tránsito á outra vida.
Neste día, o crego bendí-las velas ou candeas que
os fieis manteñen acesas durante a misa e que logo levan para a casa.
A estas candeas bendicidas atribúenselle poderes coma ós de calma-las
treboadas e alumea-lo camiño das almas que deixan este mundo.
Pero a orixe desta festa, coma a doutras moitas celebracións cristiás, é
pagá. Era a antiga “festa da luz” , celebrada
polos celtas e tamén polos romanos.
El “IMBOLC” E AS “LUPERCALES”
En tempos antigos, o primeiro día do mes de febreiro era moi celebrado nas
terras habitadas polos pobos celtas.
Esta festa tamén coñecida coma “Brigantia”, “Candlemas”,
“Brigid's day”, deriva do seu nome en gaélico irlandés
“Ambiwolka”, que traducido ó idioma purificado e decantado dos celtas,
é Imbolc. O nome Brigantia deriva de
Brighid o Brigid, deusa celta moi poderosa. Era a figura da nova lúa, da
primavera anual e das correntes mariñas. Esta época do
ano,
era das purificacións e do lume sagrado que liberaba a terra, propiciando a
fertilidade e o espertar do sol, despois do frío e gris inverno. Era tamén a
época dos nacementos dos cordeiros e cando as ovellas producían leite.
Brighid era a protectora dos rabaños.
Os ritos de predicción e matrimonio celebrábanse nestas datas baixo a
proteccións dos espíritos benéficos que visitaban a terra durante esta
festividade.
Considerábase o remate do inverno, o festival de purificación para
prepara-lo camiño para o retorno da primavera e do sol. Brighid era honrada,
poñendo unha candea en cada habitación ou en cada fiestra da casa.
Co paso do tempo e a mestura da cultura celta co cristianismo, esta festa do
lume será homologada na celebración da Candeloria . A deusa Brighid foi
asimilada coma Santa Brígida en Irlanda, sendo a súa santa patroa.
Os romanos tiñan tamén una celebración nesas datas. Facían unha procesión
con candeas acendidas de noite, repetindo pregarias a “Proserpina”
(palabra asociada ó termo grego, “persétone”, e á deusa que daba orixe ás
sementes, “proserpere”).
Esta festa romana do lume , en honor da fertilidade era chamada
"Lupercales"
...( 14 días antes das “Kalendas” de marzo )
No ano 492, o Papa Gelasio, para substituír esta celebración pagá e
asimilala ó cristianismo, crea a festa da Purificación da Virxe María, que é
conmemorada o 2 de febreiro.
O nome da Candeloria está orixinado pola procesión realizada dentro da
igrexa con candeas benditas. Esta purificación virxinal e as candeas eran o
antídoto cristián para a fertilidade romana e os fachos “lupercales”.
En
Galicia non só era moi celebrada esta festa dentro do relixioso, senón que,
no ámbito agrario, se celebraba o “casamento dos paxariños” . Di un
refrán que “a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”.
Considerábase a esta festa coma “a do amor e do apareamento no reino animal”.
Nalgunhas comarcas, tamén era considerado o día do encantamento das
cobras, pois, entre os labregos, era moi común dicir : “Santa
Candeloria me ampare esta cobra”, invocando poder para manter
lonxe calquera tipo de serpe.
Hai outro refrán que di: “Cando a Candeloria chora, medio inverno vai
fóra; que chore, que deixe de chorar, a metade do inverno está por pasar”.
Cando se aproximaba o dia de Santa Brígida, os campesiños irlandeses
acostumaban darlle a volta a un terrón calquera dos seus campos de labranza.
Con esa acción consideraban que se favorecia a chegada do bo tempo, que
necesitaban para efectuar os labores agrícolas da tempada (Danaher, 1972:
13). Este rito de lle dar a volta a un pedazo de terra con esa finalidade
propiciatoria, ten unha orixe moi antiga pois tamén en Galicia e en Portugal
existia o costume de darlle a volta a determinadas pedras para que deixase
de chover, e poder asi traballar na labranza. Os campesiños da localidade de
Laza (Verín. Ourense) dábanlle volta a unha ou dúas pedras cando aparecia o
arco da vella sobre os campos nos que traballaban e comezaba a chover
(Taboada Chivite, 1980: 166).
A referencia mais antiga que nos ofrece unha pista sobre as orixes deste rito
atopámola en Estrabón. Conta este geógrafo que no cabo Segres, en Portugal,
habia unhas pedras ás que as persoas que acudian a ese lugar sagrado
acostumaban darlle a volta co fin de solicitar un desexo (Estrabón, III, 1,
4).
Ata hai moi poucos anos, os labregos portugueses acostumaban darlle a volta a
unhas pedras chamadas "molechos" cando querian que chovera (Taboada Chivite,
1980: 166). Na igrexa de Teampull Phadruig, en Caher Island, fronte á costa
de Maio (Irlanda), se conservaba unha pedra coa que os campesiños efectuaban
un rito que tiña coma finalidade facer que se acabase a boa sorte da persoa
á que se queria prexudicar. Para iso, abondaba con darlle a volta a dita
pedra. Criase tamén que con esa acción se podia igualmente producir
treboadas e furacáns e causar asi estragos nas embarcacións (Logan, 1980:
111). Entre os pescadores galegos conservouse ate mediados do século XX o
costume de darlle a volta ás tellas de determinadas ermitas costeiras,
crendo que asi se podia alterar a dirección dos ventos, e mesmo producilos ,
para favorecer o rumbo das embarcacións de vea.
Todas estas prácticas naceron moi probabelmente debido a un antigo culto de
orixe indoeuropeo que se rendia a unha divindade de ultratumba (Alonso
Romeiro, 1996).
Segundo Eladio Rodríguez Gónzalez, no seu "Breviario Enciclopédico",
di que a Candeloria é "Aa Festa da Purificación da Nosa Señora que se
celebra o 2 de febreiro.Segundo a crenza popular, o día da Candeloria casan
os paxaros nas árbores. As funcións relixiosas que se celebran en Santiago
de Compostela e noutros templos galegos non só simbolizan a pureza da Virxe
Nai ó acendelas candeas e solta-las pombas no intre de alzar senón que, por
vello costume, segundo Murguía (Galicia), representan tamén ó amor ás almas
infantís,e os irmáns dos nenos mortos antes do bautismo; os que habían
se-los seus padriños de pía botan ó chan xasmíns azuis entre o alzar da
hostia e do cáliz, para que as inocentes criaturas xoguen con esas flores.
Moitas nais poñen as candeas encol de feixes de romeo, planta funeraria, co
gallo de que eses pobres seres vexan a luz divina, aínda que só sexa durante
a misa da Purificación
Para
o pobo campesiño a Candelaria significaba o final do inverno, o fin das
longas noites e dos dias sen luz, e tamén o comezo do ano agrícola posto que
a vida retornaba gradualmente aos campos e aos cultivos. De modo que a
candea que se acendia en cada lar para conmemorar esa data simbolizaba o
regreso da luz. O seu significado propiciatorio foi recoñecido en toda a
Cristiandade occidental, e as candeas que os devotos levaban á igrexa para
que as bendixese o sacerdote na misa dese dia, se consideraba que adquirian
poderes sobrenaturais para afastar aos malos espíritos, ás treboadas que
puidesen ameazar aos sementados e tamén para axudar a calquera nos difícis
trances dos ritos de paso (Gélis, 1991: 35), e na enfermidade (Branco Prado,
1990: 246).
Nalgunhas aldeas da bisbarra de Verín (Ourense) púñase mesmo unha candea na
man dos moribundos (Taboada Chivite, 1963:154). A xente das poboazóns
costeiras de Guipúzcoa dáballe especial importancia ás candeas bendicidas
ese dia, sobre todo as mulleres dos pescadores, que acostumaban acende-las
cando a treboada ruxia no mar, pois se sentian angustiadas ante a
posibilidade de que os seus homes o estivesen a pasar mal en medio do
temporal, e esperaban unha melloria do tempo co poder milagroso desas
candeas (Barandiaran Irízar, 1982: 194).
Na vispeira da Candelaria os campesiños escoceses acendian candeas en torno a
unha morea de centeo e palla para simbolizar a victoria do sol sobre as
trebas do inverno. As candeas representaban o poder divino, vitalizador do
sol do que dependian as colleitas (James, 1961: 233).
Debo resaltar tamén que en algunhas aldeas galegas se levaba pan á misa da
Candelaria. nas aldeas da vertente Sul de Corda (Mondoñedo, Lugo) as
mulleres levaban á igrexa cestos de vimes cubridos cunha servilleta de liño.
Dentro traían un pan caseiro e uns pequenos boliños, case como avelás, un
por cada membro da família para que recebesen a benzón. Ao tornar ás suas
casas repartian os boliños entre toda a família e acostumaban levalos nas
faltriqueras durante todo o ano debido ao poder apotropáico que lles
atribuían (Igrexas Alvariño, 1947: 488).
Tamén na parroquia de Loureses (Ourense) utilizábase o pan como medio de
protección ou profiláctico; sobre todo os nenos, aos que lles metian entre
as súas roupas ou colgábanlles do pescozo un pedazo de pan para protexelos
contra as meigas e o mal de ollo (Mandians Castro, 1984: 38).
Sobre o significado da Candelaria na vida agrícola e pastoril queda
constancia tamén en ditos tradicionais nos que a sabedoria popular nos
transmite as súas crenzas empíricas, como no seguinte prognóstico portugués
no que pervive ademais o atributo dunha vella divindade pagána que asumiu a
Virxe:
Se a Senhora da Luz chorar,
está o inverno a acabar.
Se a Senhora da Luz rir,
está inverno para vir
(Braga, 1986, II: 189).
En Galicia coñecense tamén varios refráns que fan alusión á esperada
melloría do tempo por esas datas:
Pola Candeloria mitá do inverno vai fora.
Se a Candeloria chora vai o inverno fora;
se rí, o inverno quer vir;
mais cal chorar, cal rir,
medio inverno está por vir
(Rodríguez
González, 1958: v. «Candeloria
»).
Pervivencias do mundo das sombras da Antiguidade clásica podianse observar
ainda a finais do século XIX nas misas que se celebraban o dia da Candelaria
en Santiago de Compostela e Na Coruña. As mulleres que foran nais crian que
as luces das candeas que acendian ese dia nas igrexas, eran as únicas luces
que podian ver en todo o anos os fillos que se lles morreran sen ser
bautizados e que estaban no Limbo (Murguía, 1982, I: 236-37).
A CANDELORIA (por Luís Amado Carballo)
Na catedral do abrente
oxe cásans' os paxaros,
con nubens de neve e ouro
está o ceo galanado.
Ficou o día ancorado
na ría donda do ceo.
Os roibens soben no lonxe
como rosarios d' encenso.
O xantar do casamento,
roibo, na palma da man
das eiras madrugadoras
xa está arranxado no val.
Vai tocando pol-o campo
a sua zanfona o rego
e canta o vento nas farpas
sonorosas dos piñeiros.
O campo as montanas ruzas
envolve en capa pluvial
co hisopo do sol mollado
dalles a beizón nupcial.
Do casebre nugallán
soben os vivas dos galos
e na festa d' esta noite
estrena un luar o campo.
Mónica B. Suárez Groba
Fonte consultada: "Breviario Enciclopédico" de Eladio Rodríguez Gónzalez,
Taboada Chivite, Mandians Castro.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
www.galespa.com.ar