17 de agosto, Día de Galiza Mártir

Artigo publicado pola Confederación Intersindical Galega, 14/08/2002 



Nunha das súas derradeiras cartas, a piques de ser fusilado, Alexandre Bóveda afirmaba unha vez máis: “traballei por Pontevedra, por Galiza, pola República...”. 

Coincidindo co fusilamento de Bóveda o 17 de agosto de 1936 en A Caeira, Pontevedra, o galeguismo no exterior fixou o Día de Galiza Mártir ou Día dos Mártires Galegos en 1942. Quíxoselle render homenaxe deste xeito ás ducias de persoas que deron a súa vida na loita contra a dictadura franquista. 

A revista A Nosa Terra do 25 de xullo de 1942 apresentaba así o tema:

A Irmandade Galega, nunha felis inspiración patriótica, tomou o acordo de instituír como Día dos Mártires Galegos a data do 19 de agosto (un erro evidente de imprenta). Nun día como ise do ano 1936, as forzas negras da reaución nemigas da liberdade de Galicia e treidoras a República Hespañola, fusilaron ao mártir máisimo da Patria Galega: Alexandre Bóveda, segredario do Partido Galeguista.

Ningunha data máis axeitada que isa, pra nela lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo seu ‘delito’ de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales a República Hespañola. Isa data, Día dos Mártires Galegos, ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os treidores de Galicia e pra os que decretaron i executaron as mortes dises milleiros de irmáns nosos”.



 

O número do 15 de agosto de 1942, A Nosa Terra adícalle a primeira páxina ao Día dos Mártires Galegos. 

 

 

 



No seguinte número, do 15 de agosto de 1942, A Nosa Terra corrixe o erro de data, e adícalle a primeira páxina ao Día dos Mártires Galegos.

Que se escollera a Bóveda para simbolizar esta data non foi unha casualidade. Morreu dun xeito baril, sen facer concesións nos seus ideais galeguistas. Nunha das súas derradeiras cartas a piques de ser fusilado afirmaba unha vez máis: “traballei por Pontevedra, por Galiza, pola República...”. El era persoa coerente, solidaria, e, militante entregado que combinaba a análise sobre temas especialmente económicos e a practica. O seu traballo a prol do Estatuto foi exemplar, primeiro redactando un proxecto no Seminario de Estudos Galegos (1931) e despois colaborando na redación do anteproxecto e da campaña ate a súa aprobación (que aconteceu o 15 de xullo de 1936).

Bóveda era católico practicante, consideraba que na sociedade galega non había escenario para a dialéctica de confrontación relixiosa “”porque os problemas de relixión están superados en todos os países cultos e resólvense na intimidade de cada conciencia.” (Mitin Redondela 1933).

Tampouco ollaba unha Galiza confrontada entre direitas e esquerdas, xa que “...chamado a dar solucións desta crise porque o mundo atravesa, e inicia un novo ciclo histórico que recolla os postulados da xustiza social, aproveite canto hai de bó no ensaio ruso, e, encadrando as novas institucións político-económicas sobre a base da federación universal das patrias naturais, guinde para sempre cos artificios estados históricos, cuxo imperialismo e inxustiza social e unitarismo pretende exaltar e perpetuar o feixismo, reación histérica, dun réxime chamado a desaparecer.” (A Nosa Terra, 14 de abril de 1934).

A súa proposta programática económica, como a do Partido Galeguista, centrase no tema dos aranceis, a modificación do sistema contributivo, a supresión de intermediarios, política de creto e, fundamentalmente, o cooperativismo. Esta alternativa xustificase na maioría social que representan os labregos e mariñeiros na Galiza da época. Pensemos que aínda en 1960 un 58% da povoación ocupada en Galiza estaba no sector agrícola.

A respeito da cuestión nacional e o marco de solución propón “Os plantexamentos de Bóveda sobre o Estatuto coincide coa táctica do Partido galeguista; apoiar a autonomía só como obxectivo mínimo e concibir o Estatuto como un instrumento mais no camiño da autodeterminación e do federalismo, obxectivo estratéxico co que mais identificación apresentan os galeguistas” (Marcos Valcarcel, A Nosa Terra extra 5-6).

Hoxe, a 56 anos de tan tráxicos acontecementos, as arelas dos galeguistas da República aínda non se conqueriron na súa gran maioría. O Estatuto carece de competencias fundamentais en materia económica e laboral que o fan ineficaz para avanzar nun contexto globalizado no que impera o neoliberalismo. O control político das institucións galegas da direita españolista en todo o período autonómico aumentou estas limitacións e afondou a dependencia, consolidando a queda económica e de povoación e, sobre todo, unha perda importante da identidade nacional. 






fonte de información: Confederación Intersindical Galega,
www.galizacig.com, 14/08/2002 

 

 

 

www.galespa.com.ar