2003 Ano Bóveda
No pleno celebrado polo Concello de Pontevedra o pasado sábado (28 de
setembro) foi aprobado cos votos de BNG e PSOE a celebración durante o
vindeiro ano 2003 do Ano Bóveda en Pontevedra. Os concelleiros do
Partido Popular negáronse a intervir e abstivéronse na votación, celebrada
un día despois do Pleno Provincial no que puideron rexeitar o recoñecemento
da Deputación no centenario do nacemento do galeguista. Maio Longo fixo a
recollida de
sinaturas de apoio
á concesión do título de Fillo Adoptivo e a Medalla de Ouro da Provincia.
Coa celebración
do Ano Bóveda a figura de Alexandre Bóveda será espallada mediante
conferencias, charlas, exposicións, cursos e eventos culturais.
ALEXANDRE
BÓVEDA. SEMBLANZA BIOGRÁFICA
INFÁNCIA E
XUVENTUDE
Alexandre Bóveda Iglesias naceu en Ourense o 4 de xuño de 1903. Fai o primeiro
ensino na Escola Normal e logo estuda no coléxio Villar de Ourense, onde fará a
preparación de Perito Mercantil, estudos dos que se examinará na Escola de
Comércio da Coruña.
Afeccionado á música desde moi novo, aprende solfexo na Académia da Banda
Municipal. Participa na Coral de Ruada e no Orfeón Unión Orensana. Empeza a
traballar como docente no Coléxio Villar, e ao mesmo tempo prepara as oposicións
de auxiliares de Contabilidade. No ano 1920 publica o seu primeiro artigo no
diário agrarista de Basílio Álvarez La Zarpa, sobre o tema do ferrocarril
Ourense-Zamora.
Trasládase a Madrid para opositar a unha praza de Auxiliares de Contabilidade.
Prepara as oposicións no instituto Reus, completando a sua formación xurídica e
económica con periódicas vistas ao Ateneo. No ano 1923 aproba as oposicións co
número 1.
PONTEVEDRA
Desde a sua chegada a Pontevedra no ano 1927, con só 23 anos, para ocupar a
Xefatura de Contabilidade da Delegación de Facenda, a sua presencia na cidade
faise patente e notoria en múltiples tarefas, participando activamente nunha
época en que Pontevedra viu nacer importantes proxectos sociais, políticos e
culturais como o Museo Provincial, a Misión Biolóxica, a Caixa de Aforros, o
Partido Galeguista...
A partir de 1928 a súa voz
engalana as veladas da Polifónica, coa que percorreu distintos puntos da
xeografía galega e española.
Ao longo de ano e medio, entre agosto de 1928 e febreiro de 1930, tivo unha
participación decisiva na organización da Facenda Provincial e na criación da
Caixa Provincial de Aforros. Comisionado polo entón Presidente da Deputación,
Daniel de la Sota, Bóveda realiza estudos en Cataluña e no Pais Vasco sobre o
funcionamento de distintas Caixas de Aforros e presenta un informe que serve
como base para a eleboración dos estatutos e do organigrama da entidade. En
xaneiro de 1930 comeza a andar a Caixa Provincial de Aforros, con Bóveda como
director. Ten 26 anos de idade.
Antes, o 20 de outubro de 1928, ingresara no Seminario de Estudos Galegos,
formando parte da sección de Ciencias Sociais e Económicas.
CASAMENTO
En 1930 casa no mosteiro de Poio con Amália Álvarez Gallego, filla do mestre e
escritor pontevedrés Xerardo Álvarez Limeses. O matrimónio residirá en
Pontevedra e Poio, vilas nas que nacerán os seus cinco fillos.
ACTIVIDADE POLÍTICA: O PARTIDO GALEGUISTA E O ESTATUTO DE AUTONOMIA
En abril de 1931 forma parte da ponéncia do S.E.G., xunto con Vicente Risco,
Luís Tobío, Ricardo Carballo Calero e Valentín Paz-Andrade, que elaborou o
Anteproxecto de Estatuto de Galiza, traballo que foi editado en Pontevedra en
maio dese mesmo ano. Como anexo do anteproxecto figura o Estudo económico-fiscal
elaborado por Bóveda.
En maio de 1931 participa na criación do Partido Galeguista de Pontevedra xunto
con Castelao, Cabanillas e Núñez Bua, entre outros.
O 5 e 6 de decembro de 1931 fúndase en Pontevedra o Partido Galeguista e
Bóveda é elixido Secretario de Organización. Participa na redacción do programa
do Partido, especialmente no apartados económicos; elabora persoalmente o título
VII, referido ao "Rexime Fiscal".
En xullo de 1932 participa na Asemblea pro-estatuto de Santiago. Bóveda é
elixido membro da comisión redactora do anteproxecto de Estatuto, que haberia de
ser o texto definitivo.
Entre o 17 e o 19 de decembro de 1932 celébrase en Santiago a Asemblea de
Municipios para debater o anteproxecto de Estatuto, acto no que Bóveda ten un
papel moi activo. O 19 de decembro celébrase a II Asemblea do P.G., na que
Bóveda é reelixido Secretário de Organización.
A comezos de 1933 é elixido membro do Comité Central da Autonomia, organismo
presidido por Bibiano-Fernández Osorio Tafall. Ao longo de 1933 desenvolve un
intenso traballo con mítines en toda Galiza na campaña a favor do Estatuto.
O 20 de outubro de 1934 publícase unha Orde Ministerial impóndolle o destino
administrativo forzoso á Delegación de Facenda de Cádiz e o 30 de novembro deste
mesmo ano toma posesión do seu novo destino. En outubro de 1935, despois de case
un ano de desterro, retorna a Galiza cunha praza na delegación de facenda de
Vigo.
Nos primeiros meses de 1936 participa activamente na campaña das lexislativas de
febreiro, ás que concorre como candidato da Frente Popular pola província de
Ourense.
En marzo de 1936 cesa no seu posto en Vigo e toma posesión en Pontevedra.
O 17 de maio participa como representante do Partido Galeguista na Asemblea na
que se ha fixar a data do plebiscito do Estatuto. Ao longo do mes de xuño
participa activamente na campaña do Estatuto, durante a cal dá mítines por toda
Galiza.
O 28 de xuño é aprobado o estatuto en referendo popular, co voto favorábel do
73% do censo. En 1948, no exílio americano, Castelao dirá: "cando Galiza encarou
seriamente a conquista do seu Estatuto, a laboura de Bóveda asombrounos a todos
e obrigounos a traballar rexamente. E ben se pode decir que a maor parte do
realizado naquele intre debéuselle esclusivamente a Bóveda".

A derradeira foto de Alexandre tomada durante o mitín galeguista do día de
Corpus de 1936.
(Fonte : "vida, paixón e morte de alexandre bóveda", x. álvarez gallego)
XUÍZO SUMARÍSIMO E
CONDEA A MORTE
Inmediatamente despois do levantamento militar do 18 de xullo preséntase no
Governo Civil, onde participa xunto co Governador e outros dirixentes
republicanos na defensa do rexime constitucional e democrático. O 20 de xullo é
detido e ingresado no cárcere de Pontevedra. O 13 de agosto de 1936 é xulgado en
xuízo sumarísimo, acusado de traición. Condenado a morte, foi fusilado na Caeira
o 17 de agosto. Os seus restos repousan no cemitério de San Amaro de Pontevedra.
ALEXANDRE BÓVEDA, EXEMPLO DE HONESTIDADE E ENTREGA Á CAUSA DE GALIZA.
Ao longo da sua traxectória humana e política, Alexandre Bóveda puxo sempre o
interese supremo de Galiza por diante de intereses persoais e partidistas. Por
este motivo, cando se vai cumprir o centenario do seu nacemento, o seu nome debe
ser recordado como símbolo da honestidade e da toleráncia, e a sua memória
preservada como exemplo sobre o construir un futuro de progreso e convivéncia
pacífica.
Fonte de información: VIEIROS
www.vieiros.com
www.galespa.com.ar