|
vida de Roberto Blanco Torres
Roberto Blanco Torres naceu en Santa María dos Baños de Cuntis,
provincia de Pontevedra, o
18 de marzo de 1891. Os seus pais foron Carmen Torres Fuentes e Pedro Blanco
Crespo, os cales tiveron dez fillos, sendo Roberto o menor de todos.
Entre 1897 e 1905 cursa os estudios primarios na "Escuela de Niños de Cuntis". A
familia de Roberto conformaba a clase media daquela época. A súa nai era mestra
e o seu pai funcionario do poder xudicial.
Cando Roberto era aínda un neno morre a súa nai (1898) e no 1905 falece o seu
pai. Poucas cousas xa o ataban á súa aldea e decide seguir o camiño de milleiros
dos seus paisanos, a emigración. É así como en 1907 embarca para Cuba onde
estaban os seus dous irmáns Mundo e Nuño.
A Habana vivía os mejores momentos do esplendor da nosa diáspora. Curros, Vilar
Ponte, Castro Chané, Lugrís Freire, Fontenla Leal, Fuco Gómez eran algúns dos
distinguidos galegos que habitaban aquela cidade que atraía aos nosos
emigrantes. A partir de 1908, Roberto Blanco Torres comeza o seu labor
xornalístico, escribindo na prensa habaneira baixo o seudónimo de "Fray
Roblanto". Os xornais Follas Novas, Suevia, Santos e Meigas, Galicia,
contaron con artigos deste xornalista, que cara ás súas primeiras prácticas
xornalísticas. No semanario Suevia do 17 de novembro 1910, publica a súa
primeira poesía titulada "Anacos".
Publicación da Habana (Cuba) na que Blanco Torres escribe baixo o nome de Fray
Roblanto
Polas noites, logo do traballo, case a diario, Roberto achegábase ao Café La
Puerta del Sol, onde se reunía un grupo de intelectuais galegos. Entre eles
Cabanillas, Vilar Ponte, Waldo Álvarez Ínsua, Virxilio Blanco Garrido, Abelardo
Novo, Ángel Lázaro, Xulio Sigüenza, Ricardo Fortes e Xosé Castro Chané, entre
outros. Todos tiñan en común un sentimento galeguista e formaban parte das
correntes progresistas do libre pensamento. Con Antón Vilar Ponte uniríalle por
aqueles anos unha forte amizade que será determinante para o futuro político de
Blanco Torres.
En decembro de 1911 edítase o primeiro numero do semanario La Alborada dirixido
por Blanco Torres. Un ano despois chega á Habana o mítico agrarista Basilio
Álvarez quen realiza unha intensa campaña para a redención dos foros. Roberto
queda impactado con este crego revolucionario que co seu discurso apaixonaba
tanto aos labregos coma aos emigrantes. Blanco Torres a partir deste encontro
con Basilio Álvarez comezará a desenvolver unha activa militancia de carácter
republicano-agrarista.
O 11 de abril de 1915 aparece outro semanario dirixido por Blanco Torres, La
Tierra Gallega. Uns anos despois, a mediados de 1916 Blanco Torres retorna
definitivamente a Galiza. Ese mesmo ano Antón Vilar Ponte funda na Coruña a
primera Irmandade da Fala, sacando á luz o 14 de novembro o primeiro exemplar do
Xornal A Nosa Terra. A partir deste último xornal, profundiza a relación cos
nacionalistas da Coruña, liderados polos irmáns Vilar Ponte. Tamén escribe para
outros xornais de carácter agrarista, como foron Galicia Nueva de Vilagarcía,
Heraldo de Galicia de Ourense. Daquela era común ler os seus artigos en medios
xornalísticos tan variados como Vida Gallega, El Ideal Galego, Gaceta de Galicia
ou o Faro de Vigo. Malia ao seu retorno non deixa de escribir para os xornais da
emigración fundamentalmente en Eco de Galicia e Galicia.
O 17 de novembro de 1918 realízase a I Asemblea das Irmandades da Fala en Lugo,
Blanco Torres participa como parte da delegación da Coruña.
Desde 1920 e 1921 trasládase a Ferrol onde dirixe o xornal El Correo Galego. O
16 ao 18 de abril de 1921 realízase en Vigo as III Asemblea das Irmandades da
Fala en Vigo, nesta oportunidade participa xunto a Xaime Quintanilla en
representación de Ferrol. Posteriormente realízase o IV Asemblea das Irmandades
en Monforte, onde é elixido Conselleiro de Publicidade da Irmandade. Entre 1922
ata 1923 reside en Ourense, onde pasa a dirixir La Zarpa o xornal agrarista do
seu amigo Basilio Álvarez. Case simultáneamente dirixe o xornal Progreso de
Pontevedra.
En 1924 instálase en Vigo, onde Valentin Paz Andrade funda o seu Xornal Galicia.
Aquel xornal contaba coas mellores plumas daquela e contou con Blanco Torres
desde a súa fundación. Polas tardes Roberto achégabase ao Café Derby onde facían
tertulia diariamente Paz Andrade, Luis Amado Villar, Ánxel Fole, o arxentino
Francisco Luís Bernardez,
Ramón Cabanillas,
Laxeiro, Dieste e
Maside entre outros.
En 1926, máis exactamente o 5 de abril, casa en Vigo con Julia Sánchez Novoa na
igrexa de Santa María. Coa desaparición do Xornal Galicia, pasa unha tempada no
Pueblo Gallego de Portela Valladares, concluindo a relación con este, cunha
forte enfrontamento persoal.
Durante unha tempada quédase sen un traballo fixo, viaxa a Marrocos para
realizar unha reportaxe e aproveita o seu tempo libre para rematar o seu
primeiro libro de poesía Orballo da Media Noite, que aparece na editorial Nós o
3 de outubro de 1929.
En 1930 participa da fundación da Asociación de Escritores Galegos xunto a Otero
Pedrayo, Risco, Fernández Mazas, Cuevillas etc.
Sae da imprenta da editorial Nós o seu segundo libro De esto y de lo otro, o 30
de decembro de 1930. Neste caso trátase dunha recopilación de artigos
xornalsticos.
En 1931 reincorpórase a La Zarpa e dirixe un tempo La República de Ourense.
Durante ese ano declárase a república e participa das eleccións lexislativas do
14 de xullo en representación da provincia de Ourense. A propaganda electoral
dicía nas súas "octavillas": Votar a Roberto Blanco Torres é votar o espírito da
república: a liberdade, o progreso, a redención do labrego, as reivindicacións
populares".
En 1932 é nomeado Gobernador Civil da Provincia de Palencia. Durante ese mesmo
ano participa da fundación do Partido Republicano Galego.
En 1933 deixa o seu cargo de Gobernador Civil e trasládase á Coruña onde dirixe
o xornal El Noroeste.
Durante 1934 retorna á Peroxa desde onde segue a colaborar cos distintos xornais
da época.
Coa revolución de Asturias, Blanco Torres é encarcerado. Por aquel entón do
bienio negro e despois do conato revolucionario, os cárceres de toda Galiza
estaban cheos de militantes do campo republicano de esquerda. Álvaro de las
Casas, Arturo Cuadrado, Ramón Suárez Picallo, Blanco Torres serán algúns dos
galleguistas detidos baixo o goberno da dereita republicana.
Transcorría 1935, cando Blanco Torres se traslada a Pontevedra, onde o seu amigo
Osorio Tafall lle ofrece dirixir o xornal El País de Pontevedra.
En 1936 confórmase a Frente Popular, gañando as eleccións por ampla maioría o 16
de febreiro. A participación do Partido Galeguista nesta alianza de esquerda,
produce a primera división. Un pequeno grupo despréndese do partido e funda
Dereita Galeguista. Sendo os seus líderes Risco, Beiras e Filgueira Valverde.
En maio dese ano Blanco Torres é nomeado polo goberno, Xefe do Gabinete de
Prensa do Ministerio da Gobernación.
O 28 de xuño convócase o plebiscito polo Estatuto de Autonomía conseguindo o Sí
o 99,05% dos votos.
Os resultados electorais de Galiza, demostran a súa vocación autonomista, a
dereita e os sectores conservadores ven un grande perigo no comunismo e nos
nacionalismos periféricos.
A finais deste mes, Blanco Torres trasládase á Peroxa, onde esta a súa muller
esperándoo para marchar a Madrid. Naquela aldea entérase do alzamento de Franco,
o 18 de xullo. A súa situación ponse moi difícil, era unha persona pública,
nunha aldea afastada da capital provincial. As primeiras semanas intenta pasar
desapercibido, mentres vai recibindo novas alarmantes, do que está acontecendo
noutros puntos de Galiza.
Meses despois, en setembro, é detido e levado á Prisión de Ourense. Como sucedía
a diario nos cárceres, foi sacado da prisión pola noite e paseado
Foi un 2 de outubro de 1936, ás catro da madrugada, cando Blanco Torres é
asasinado en Entrimo, por un grupo de falanxistas. Xunto a el desaparecía do
mesmo xeito, unha das máis entusiastas e intelixentes xeraciones de Galiza. O
seu asasinato truncou a vida dun intelectual valente, que tiña moito que dicir,
tanto no xornalismo como na política. Despois de moitas décadas de
esquecementoo, a Real Academia Galega, puxo fin a este inmerecido silencio,
dedicándolle o año 1999 como Día das Letras Galegas.
Vaia con Blanco Torres tamén, a homenaxe aos seus compañeiros de xeración e de
soños, que naquel triste 1936, perderon a posibilidad de seguir soñando.
 |
Extraído da Enciclopedia da
Emigración Galega:
www.cigmigracion.com |
Autor: Lois PÉREZ LEIRA
|