Entre os galegos que merecen o cualificativo de polígrafo Ben-Cho-Shey figura en
lugar sobranceiro. Historia, etnografía, xeografía, heráldica ou xeografía, de
todo sabía moito e ben. Mais se tivesemos que buscar unha soa palabra para
definir a este ourensán ilustre nada mellor que a de galeguista.
Don Xosé Ramón Fernández-Oxea nace en Ourense en 1896. No ano 1915 remata os
seus estudios de mestre de ensino primario, dedicación que ocuparía a vida
profesional do noso protagonista desde 1925, ano no que aproba as oposicións a
mestre nacional. Fernández-Oxea foi mobilizado como soldado para a guerra de
Marrocos, foi precisamente no norte de África onde, en 1922, nacería o seudonimo
co que sería coñecido o resto dos seus días. En efecto, Ben-Cho-Shey foi a
sinatura que empregou para as súas crónicas de guerra enviadas ao xornal de
Ourense La Zarpa, dirixido por Basilio Álvarez.
Como mestre exerceu a súa profesión en Cariño e máis tarde
en Sta. Marta de Moreiras (Ourense), parroquia que se convertería en obxecto de
exhaustivos estudios etnográficos que o autor publicaría en 1969. No ano 1935
ingresou por oposición no Corpo de Inspectores de Ensino Primario, posto que
desempeñaría ata a súa xubilación. Establecido en Lugo, presidiría nesta cidade
o Partido Galeguista, símbolo do seu compromiso político. A chegada do
franquismo trouxo para Ben-Cho-Shey importantes cambios; en 1937, e como
represalia pola súa vencellación galeguista, foi trasladado a Cáceres, non sen
antes ser suspendido de emprego e soldo por tres meses. Máis tarde desenvolvería
tamén a súa profesión en Toledo.
A vida de Ben-Cho-Shey estaría tamén moi vencellada a Madrid. Nesta cidade
levou a cabo un importante labor cultural, ademais de ser mentor e protector de
moitos mozos galegos estudiantes na capital do Estado (Xesús Alonso Montero ou
Xosé Luís Méndez Ferrín, serían exemplos destacados). Así, Ben-Cho-Shey axudou á
fundación de colectivos como o Grupo Brais Pinto, que tanto contribuirían ao
rexurdir político do galeguismo na post-guerra. Fernández-Oxea foi tamén
directivo do Centro Galego de Madrid, posto desde o que levou adiante
interesantes actividades culturais.
Ben-Cho-Shey foi autor dunha obra escrita de grandes dimensións. Sen dúbida,
as investigacións históricas, etnográficas, heráldicas, etc., ocupan grande
parte dos seus libros publicados. Mais, Ben-Cho-Shey destacou igualmente pola
súa obra literaria, tanto en prosa (Andrómenas, 1954) como en verso (A ducia do
frade, 1966), sen esquecer as súas colaboracións xornalísticas, reflectidas en
centos de artigos en xornais galegos. Membro correspondente de diversas
Sociedades e Academias (entre elas a da Historia); recibiría ao longo da súa
vida numerosos premios e homenaxes, a destacar a medalla Castelao en 1986. Este
grande home comprometido decote con Galicia falecería en Madrid no ano 1988.
Malia a importancia da súa obra, a figura e a personalidade de Ben-Cho-Shey son
descoñecidas para o grande público de Galicia. Fronte a outros homes da súa
xeración, tales como Castelao, Otero Pedrayo ou Florentino Cuevillas, a
presencia do noso protagonista non chega aos galegos coa mesma intensidade. Na
procura das razóns deste esquecemento pensamos que as liñas dun artigo do propio
Ben-Cho-Shey, publicado na revista Lar de Bos Aires en 1951, ofrécennos a chave:
"Poucas vegadas se terá dado na Historia un caso tan
insólito, tan desgraciado e tan triste como o de Galicia. Eu confeso que non
conozo outro pobo que como o galego faga unha tan completa renuncia da súa
persoalidade nin renegue tan radicalmente de todo canto representa o seu xeito
de ser: dos seus costumes, dos seus bailes e, ¡ sobre todo !, da súa fala. O caso
de Galicia é o caso inaudito dun pobo en dimisión colectiva de canto ten de seu
e o caracteriza."
Intuición non lle faltaba a Fernández-Oxea pois, con visión certeira,
incluíu no seu epitafio a seguinte advertencia: "Nota: quedan suprimidas tódalas
homenaxes post-mortem, porque as cousas ou se fan ó seu tempo ou non se fan".
Non se pode negar que Ben-Cho-Shey foi un home brillante ata o final.
Fonte de información:
www.culturagalega.org
Ler:
Muiñeira do afiador (Ben-Cho-Sey)
www.galespa.com.ar