Avelino Cachafeiro Bugallo, o gaiteiro de Soutelo
Avelino
Cachafeiro Bugallo naceu en Soutelo de Montes o día 26 de Maio de 1899. Del
contase que aprendeu os primeiros rudimentos da gaita do seu avó Xan,
gaiteiro da primeira metade do século XIX, namentres nos seus adentros ía
medrando a afección, tocando polas carballeiras cando coidaba do gando, ata que
seu pai, Fermín, gaiteiro coma o avó, de quen se sabe que cobraba naquel tempo
seis pesetas cada vez que tocaba nunha festa, se da conta da arte do fillo e
regálalle as súas gaitas para dedicarse dende ese momento a tocar o bombo.
Avelino, un home alto, roxo, de ollos azuis e de eterno sorriso, tiña un
carácter moi forte, aínda que un humor excelente. Formou o grupo de gaiteiros
cos seus irmáns Castor (gaita) e Bautista (Voz e caixa), o seu pai Fermín
(bombo) e mais a tia Andrea que algunhas veces se axuntaba a eles para tocar o
pandeiro. No grupo Avelino era o símbolo, o director, o compositor; nunha
palabra, a alma do grupo.
Non eran só gaiteiros. Nas súas actuacións tiñan baile, contaban chistes e
sabían aledar as festas de xeito extraordinario. De seguida comenzarían a ser
coñecidos en toda a comarca. Son "Os Gaiteiros de Soutelo".
Avelino é nomeado gaiteiro da Sociedade Artística de Pontevedra, e con
só 25 anos preséntase a un concurso en Santiago onde se dirime quen é o
mellor gaiteiro de Galicia. Un concurso con parte literaria, onde se
presentan xente coma Otero Pedraio, Vicente Risco, Filgueira Valverde, e que o
final ganaría Eladio Rodríguez González.

O día 10 de Agosto, na praza da Quintana, presentouse Avelino con traxe enxebre,
calzón curto, monteira vermella e chaleque broslado. Quedaban nove gaiteiros, un
deles o seu irmán Castor de só 17 anos, despois da selección dos días
anteriores. Tocou a Alborada de Veiga e un pasacorredoiras, e foi nomeado o
millor gaiteiro de Galicia.
Castelao relátao nunha fermosa crónica que se comenta en
folla aparte, e dedícalle unha caricatura que sempre acompañará ó
gaiteiro e a súa terra, mentres que Otero Pedraio o califacaba como
"O grande e puro artista, por Castelao abrazado en data solenne pro
esprito como o máis rexo e armoño carballo do bosque antigo".
Avelino cobrou naquel tempo 150 pesetas do premio, ás que hai que sumar as do
seu imán Castor que foi terceiro.

Dende ese momento convírtense nunha lenda. Gravan en Ourense, no ano 1928, seis
discos que levan: A Muiñeira de Chantada, A Alborada de Rosalía, A muiñeira de
Pontesampaio, Fandango de Pontevedra, Marcha do Corpus, Viva Barriño de Arén,
Eicho de dar queridiña, Foliada de Luxán, Foliada Rianxeira,
Estroupele-Estroupele, Farruquiña chaman a porta, a Muiñeira de Ourense e o
pasacorredoira A volta da festa.
O 28 de Febreiro de 1930 preséntanse no Teatro Avenida de Bos Aires, un dos
"Templos artísticos" da época, con decorados de Castelao e Camilo Díaz, tendo
que prolongar máis dun mes a súa actuación, dado o éxito obtido.
En pouco tempo mandan para a súa casa 20.000 pts, ¡no ano trinta!. Pasan por
Córdoba e Rosario, na Arxentina, e dende alí a Montevideo, Río de Xaneiro e
outras cidades.
Mentras esto pasa na América, en Galicia a xeración "Nos", a máis
importante xeración literaria galega do século, tómaos como a bandeira da
Galicia eterna e fai deles, en particular de Avelino, uns mitos.
De volta a España, o destino vira. Bautista morre no ano 1933, e a Guerra Civil
sorpréndeos tocando en Barcelona, en territorio republicano, mentres Galicia
quedaba no nacional. Son trasladados a Madrid pola Cultural Obreira para dar
ánimos ás tropas que alí loitaban, e cando se dirixían a Berlín para tocar nos
Xogos Olímpicos, deciden voltar á casa por Lisboa. Aquí acaba a historia dos
gaiteiros como tales, posto que as circunstancias políticas primeiro, e persoais
despois así o quixeron. Castor emigrou a Venezuela onde continuou formando
gaiteiros, pero Avelino, romántico irredento, perdeu o único fillo namais nacer
e a súa dona enfermou gravemente. A gaita permaneceu calada para sempre.
Nunca máis tocou en público, nin case en privado, e esto fixo medrar aínda máis
a súa lenda. Dedicou o seu xenio á poesía, á pintura e á súa faceta empresarial.
Anos máis tarde publicou o libro de poemas "Voando cas aas da vida", ó
que puxo prólogo Ramón Otero Pedraio, e que, sen grandes alardes de técnica nas
súas rimas, retratan os sentementos dun home e dunha terra como no poden facer
mil verbas por outro escritas.
A súa pintura mostra unha técnica que da mesma maneira que a súa música é
autodidacta. Ten moitos cadros, pero a maioría foron doados ós seus amigos e
hoxe non son sinxelos de achar. "A fiandeira", "O San Antoniño de Cerdedo",
"Cruceiro da Consalación", "Cesto de foita" e un autorretrato son cadros que se
conservan. Outros como un mural que había no vello Changüí desapareceu nunhas
obras. Queda tamén o relieve do bar actual, co título do seu libro "Voando ca
aas da vida".
Pasaron os anos pero Avelino seguiu sendo, sen dúbida o persoeiro máis coñecido
de Soutelo e de toda a Terra de Montes. Estaba presente en todas as festas, como
invitado ou como cantor de misas en latín,ata que un accidente de autobús no
alto do Paraño deu con el seis meses no hospital. Este tempo sería o que fixo
despertar nel a vea literaria.
No altiño do Paraño,
morrendo, ouvín soaren gaitas.
¡Anxeliños non caledes!
deixaime dormir as anchas,
chegou a morte e por min
rezaron todas as Antas.
Avelino Cachafeiro
Nos anos cincuenta abriu en Soutelo unha sala de festas, O Changüí, que logo foi
coñecida en toda a bisbarra. Convirteuna tamén en sala de cine, dunhas
dimensións únicas nesta terra. Nela, os días de feira e outros sinalados,
pasáronse películas ata ben avanzados os anos sesenta. Rexentou persoalmente un
surtidor de gasolina da CAMPSA, un dos máis vellos de España, o que lle permitiu
relacionarse con todo canto viaxeiro pasaba po la estrada, co a ledicia dos
clientes de seren servidos direitamente por el, xa que seguía a ser un home moi
popular en toda Galicia. Tamén tiña unha pequena funeraria e o bar do Changüí,
no cal aínda se pode ver un autorretrato en pedra co título do seu libro de
poesía, Voando cas aas da vida.
No frente da súa casa paraba o autobus que facía a linea de Ourense a
Pontevedra, e os viaxeiros baixaban ó bar ou xuntábanse alí para esperar a
chegada. Non hai un vello conductor ou revisor desa linea que non lembre a súa
hospitalidade, ou que non recorde cear e dormir algunha vez na súa casa cando
algún problema na estrada tiña acaecido.
Avelino morreu o 13 de Abril de 1972, na súa casa de Soutelo. Foi un dos
enterros máis multitudinarios que se recorda nesta terra.
Da influencia do Gaiteiro de Soutelo na posterioridade dá unha idea o feito de
que a editorial SONS GALICIA lle deu o seu nome a unha colección dedicada á
música tradicional galega, asi como que o primeiro número dela garde aquelas
cancións gravadas en Ourense no ano 1928.
Carlos Nuñez, o gaiteiro con máis sona da actualidade, defineuse como herdeiro
de Avelino, e na presentación do seu disco "Os amores libres", interpretou a
Muiñeira de Chantada en homenaxe ó "Máis grande de todos nos". Defíneo como
"O gaiteiro ponte entre a perdida gaita galega e a moderna gaita refinada,
tendente ó sistema temperado que hoxe coñecemos".
A influencia musical foi determinante na súa familia. O Changüí durou como sala
de baile primeiro e como discoteca despois ata finais dos anos oitenta. Os seus
sobriños formaron grupos musicais de certa fama (Montes, Flash, etc.) e un
deles, Avelino Alberte, acordeonista e mestre de gaiteiros acaba de gravar un
disco con Moncho, fillo doutro dos grandes da gaita nesta terra, O Gaiteiro de
Sorribas. Son "Os diplomáticos do acordeón".
Déixanos tamén o legado dos seus poemas, algúns deles serven nestas páxinas para
describir algo para o que eu non teño palabras. Pouco antes de morrer afirmaba:
"O que non se pode é esquencer a nosa ialma, a nosa máis pura
manifestazón; e o que da door e notar como, pouco a pouco, a gaitiña vai
morrendo. Cando en galiza a gaitiña seña como a zanfona é agora, nós xa non
seremos galegos. Seremos fillos sin nai, seremos... ou millor dito, xa non
seremos ... ¿Que e un corpo sin ialma?".
¡Que pouco podía imaxinar a situación actual!. Carlos Nuñez, Cristina Pato,
Hevia, etc. nas listas de ventas de toda España, pero sobre todo recintos cheos
cando se oe unha gaita en calquer sitio de España e de fóra.
O pobo de Soutelo dedicoulle a súa mellor praza, co monumento que os recorda, e
o Concello de Forcarei ven de reeditar unha edición facsimile da biografía que
alá polo ano 1977 escrebira Xosé Manoel Rivas Troitiño.
¡Ben o merecían!.

Cando saibas que morrín,
gaitiña, miña gaitiña,
desperta a miña alborada
que toco pra Rosalía ...
Que dorme no teu punteiro
cos meus dedos tapadiña.
Voando co as aas da vida
Avelino Cachafeiro (1969)
FONTE DA INFORMACIÓN :
www.terrademontes.com
www.galespa.com.ar