Arturo Cuadrado Moure

Arturo Cuadrado Moure naceu en Denia (Alacante) en 1904. O seu pai Arturo
Cuadrado, natural de Valladolid, casa con Merecedes Moure Carollo que vivía en
Agolada (A Coruña). Despois do casamento múdanse por cuestións laborais (el era
mestre) ata Denia onde residiron durante algúns anos.
O matrimonio Cuadrado Moure tivo catro fillos; o maior Manuel morre sendo neno,
despois seguiranlle: Arturo, Mercedes e Bernardo. A familia vive unha etapa
feliz fronte ao Mediterráneo ata que o pai de Arturo morre sendo aínda moi novo."Asistíramos
a unha corrida de toros de Joselito e Belmonte cando o meu pai veume dar o bico
de boas noites no hotel. E finou".
A súa nai Mercedes atópase sen marido, sen recursos económicos e resolve volver
á súa aldea de Agolada onde vivían os seus pais que gozaban dunha situación
económica folgada.
Nese lugar Arturo Cuadrado vive a maior parte da súa nenez e adolescencia. O seu
avó materno traballaba de recadador de impostos de toda a bisbarra. Arturo
sempre se lembrará cando percorría a pé ou a cabalo a fermosa comarca
bergantiñán:
"O meu avó era o recadador de impostos da zona, a él gustáballe moito levarme a
traballar con el. Iamos de aldea en aldea, era aínda a etapa dos foros. Os
labregos vivían nunha situación moi desprotexida. Lémbrome que moitas veces lle
respostaban ao meu avó que non tiñan para lle pagar. Entón o meu avó estaba
obrigado a botarlles unha bronca, mais dicíalles que por esta vez pasaba e que
había que pagar o que correspondía. Os paisanos antes de marchar agasallábano
pola súa atención con algúns xamóns ou galiñas. O curioso é que moitas veces o
regalo tiña máis valor económico que o que tiñan que pagar en concepto de
imposto...".
A súa adolescencia transcorreu nun ambiente conservador e clerical. Cuadrado
soñaba con ir á cidade, con estudiar e coñecer o mundo. En 1920 a súa nai múdase
cos seus dous fillos Arturo e Bernardo a Santiago de Compostela.
Nesta cidade rematou os seus estudios secundarios e vincúlase cos mozos
universitarios dos anos 20. Cuadrado participa activamente nos grupos de
oposición á dictadura de Primo de Rivera, ademais comeza a frecuentar as
tertulias literarias daquela cidade. Cuadrado comeza a escribir os seus
primeiros poemas e a participar como xornalista na maioría de revistas
literarias que modestamente realizaban os escritores da época.
O seu primeiro traballo foi como vendedor na Casa Don Segundo García de Arriba,
na rúa Preguntorio nº 9 de Santiago, alí vendía teas e confección fina. Con
Cuadrado traballaría tempo despois o escritor Luís Manteiga.
"Un día dime o meu amigo Luís Manteiga: "Arturo necesito traballo".
"Pois non te preocupes", respondinlle, "ven polo meu choio que falo con
Segundo García e creo que hai posibilidade de que te empregue como vendedor,
atendendo aos clientes que temos en distintas partes de Galiza". Así foi que
falamos co dono e Manteiga comezou a traballar. Aos poucos días foise a
percorrer Galiza traballando. Mentres visitaba aos clientes facía un libro de
viaxes que é unha obra fermosísima. Ao chegar a Santiago o resultado comercial
fora nulo, mais o cultural marabilloso: nacera un libro. Manteiga perde o seu
emprego pero Galiza gaña un libro".
Nesta cidade de Santiago de Compostela Cuadrado irase topar con Luís Seoane con
quen manterá unha amizade que será rápidamente semente dunha morea de proxectos
conxuntos.
Cuadrado, como a maioría dos mozos intelectuais daquela época, sentía unha
grande devoción pola figura de Don Ramón Mª del Valle Inclán, co que manterá
unha fonda amizade.
Isaac Díaz Pardo cóntanos algúns perfís de Arturo: "... coñecín aos
Cuadrado desde que teño uso de razón. Bernardo, da miña idade, foi á escola
comigo. Vivían na rúa veciña á miña, a do Inferniño de Abaixo (hoxe avenida ou
rúa da Trindade, porque no franquismo iso de inferniño non era fino, e o de
Trindade viña da capela da Trindade que coa igrexa de San Frutuoso eran pórtico
da rúa das Hortas...".
"...Arturo Cuadrado era en Santiago toda unha institución cultural, era
buscado por cantos viñan coñecer algo non só de Compostela senón que tamén de
Galiza...".
Durante o bienio negro, Cuadrado e outros intelectuais desenvolven distintas
actividades culturais entre elas a fundación de Resol.
"... No ano 34 -comenta Díaz Pardo- Resol montou unha barraca na
Ferradura de Santiago, a coñecida Barraca Resol, na que se expuña pintura de
Maside, Colmeiro, Souto, Landín, etc., e pediulle ao meu pai que eu lle pintara
o letreiro de cabeceira o que para min, con 13 anos, foi unha ilusión...".
Tamén o seu amigo Luís Seoane lembra aquela revista literaria: "...Arturo
Cuadrado fundou e dirixiu unha revista de poesía, "Resol", que se distribuía de
balde pola rúas e na feira compostelá dos xoves onde se situou tamén a "Barraca
Resol", expoñéndose entre os labregos e para eles obras de Maside, Souto,
Colmeiro, miñas, etc. Díaz Pardo, case un neno, axudara á súa decoración. Foi
unha grande época compostelá aínda sen estudiar, e nela tivo unha destacada
actuación Arturo Cuadrado...".
Tras o éxito de Resol Arturo decide montar unha librería que chegou ter
características revolucionarias para o seu tempo.
"Hai moitos anos, cóntanos Seoane, arredor de corenta para ser máis
preciso, existía na rúa Caldeirería de Santiago a Librería e editorial "Niké",
propiedade de dous homes, mozos daquela, os escritores Xoán Xesús González e
Arturo Cuadrado. Na parte de adiante onde se atendía ao público vendíanse os
libros ao prezo que ese público, composto en xeral por estudiantes, decidía que
valían. Cando o que mercaba o libro, logo de lelo xulgaba que tiña pagado pouco
por el polo interese que lle despertara, completaba o prezo entregando unha nova
cantidade. Intentábase facer polos dous propietarios da librería unha pequena
revolución comercial...".
O propio Cuadrado lembra con emoción unha de tantas anécdotas de Niké: "Tíñamos
en Santiago a librería Niké na que os clientes pagaban polos libros o que lles
parecía que valían. O célebre anarquista Marcial Villamor pagou dez céntimos por
un de Ortega e pasou ao día seguinte a pagar outros dez porque lle entusiasmara.
Cando llo contei a Ortega, quixo coñecelo, e o gran intelectual foi á casa do
carpinteiro, que sería paseado no 36".
Nos longos encontros mantidos con Cuadrado dinos un dos aspectos menos coñecidos
sobre a vida de Ramón Mª del Valle Inclán:
"Valle Inclán veu a morrer a Santiago, enfermo de cancro. Escóllea por riba
de Madrid, Barcelona ou París. …Eramos cinco os que o recibimos en Santiago á
súa chegada de Roma e a todos nos chamou polo nome cando baixou do Castromil sen
equipaxe. Vagou pola cidade e nós detrás sen abrir a boca ata que lle
preguntamos a onde quería ir. "Como non teño cartos ao mellor hotel da cidade".
"Era un namorado da Berenguela, como Lorca que se axeonllaba e bicaba a
pedra...". "...Eu comía tortillas con Valle Inclán en Betanzos e despois iamos
aos toros na Coruña. Nunha ocasión convenceunos ao seu fillo Carlos e a min para
que nos tirásemos á area. A Azaña coñecino pola súa amizade con Valle Inclán. O
día que lle entregamos o Estatuto de Galiza, na véspera do alzamento, deume a
man e pediume que quedase, eu tiña que voltar a Galiza para lembrar aquela noite
en que se escapara do Hotel Compostela -un presidente da República non podía
estar na rúa despois das 10- e acabamos uns cantos na Quintana escoitándoo falar
de Valle Inclán".
O finamento de Valle Inclán ocorrería fóra do seo da igrexa xa que cando se lle
ofreceron os auxilios espirituais, segundo comentaba Cuadrado, Valle Inclán
exclamou: "Nin cura discreto, nin frade humilde, nin xesuita sabichón", frase
coa que publicaron os diarios do día 6 de xaneiro, ao dia seguinte do seu
falecemento.
En marzo de 1936 realizouse en Santiago a primeira Asemblea para constituír a
Asociación de Escritores Galegos tendo unha activa participación nesta
iniciativa Arturo Cuadrado. Entre os asistentes atopábanse: López Abente, Blanco
Torres, Jacinto Santiago, Filgueira Valverde, Bouza Brey, Lustres Rivas,
Sigüenza, Paz Andrade, Torres Quiroga, Santiso, Álvaro de las Casas, Posadas
Curros, Xoán Xesús González, García Barros, Iglesias Alvariño, Carvalho Calero,
Del Riego, etc.
Cuadrado realiza unha intensa actividade non só literaria senón tamén política.
Participa na redacción do manifesto de Esquerda Galeguista, simpatiza coas ideas
socialistas-galeguistas do seu socio Xesús González, mantén moi boas relacións
con Castelao, do que era moi bo amigo, como así tamén simpatiza con Casares
Quiroga e con Azaña. Cuadrado é un home de esquerdas que intenta manter a súa
independencia política.
Como funcionario do concello de Santiago de Compostela participa como
Subsecretario na Comisión do Estatuto de Autonomía de Galiza. Coa conformación
da Frente Popular, Arturo participa activamente na campaña electoral que remata
co triunfo das esquerdas. Por aqueles anos é correspondente do xornal "Sol" de
Madrid, "Pueblo Gallego" de Vigo e da revista "Yunque" de Lugo.
O 18 de xullo de 1936, día do alzamento, Arturo atopábase en Madrid despois de
ir coa delegación galega que levara o Estatuto de Galiza ao Presidente da
República. Este feito casual sálvalle a vida. O resto da comitiva, agás os
deputados establecidos en Madrid, son fusilados ao chegaren a Galiza.
Cuadrado ponse desde o primeiro momento a disposición do Goberno leal e en
coordinación directa cos deputados galeguistas Castelao e Ramón Suárez Picallo.
Arturo traballa para o Ministerio de Información colaborando nunha morea de
xornais e revistas que alentaban ás tropas republicanas. Co traslado do goberno
a Valencia, Arturo trasládase con Castelao e Picallo. Nesta cidade casa con
Amparo Alvajar, filla do destacado republicano coruñés César Alvajar. Amparo era
unha fermosa muller que se forxara ao lado de Casares Quiroga. Durante a guerra
traballou nos servicios secretos do goberno cumprindo misións de suma confianza
para o propio Casares Quiroga. Durante o casamento de Arturo e Amparo o propio
Castelao foi padriño da cerimonia.
Logo dunha tempada en Valencia, tanto o Goberno coma o Parlamento, así como a
nosa delegación galega, trasládanse a Barcelona. Alí esperan o remate da guerra.
Arturo participa na fundación da revista "Nova Galiza", onde escriben Castelao,
Picallo, Dieste, etc.
Coa derrota do bando leal, o matrimonio pasará os Pirineos e instalarase nun
campo de concentración de Francia igual que milleiros de ex-combatentes. Os
vínculos de César Alvajar coa Masonería, á que pertencía Cuadrado, facilitan a
saída do campo de concentración.
Aos poucos meses falece en Tolousse a súa filla Silvia de 5 meses; a nena colleu
unha forte infección respiratoria polo frío e a mala alimentación.
Ao pouco tempo conseguen embarcar no barco "Massilia", fletado polas
organizacións solidarias arxentinas. No barco que saíu de Bordeos en 1940 ían
entre outros exiliados o ex-alcalde de Vilagarcía, Elpidio Villaverde, en
compaña da súa compañeira e das súas fillas Rosina e Mariví .
"Ao chegar ao porto de Bos Aires estábame agardando Luís Seoane. Así como nos
abrazamos xa estábamos falando de facer proxectos xuntos. Entre eles Seoane
proponme que tiñamos que organizar unha Loxia entre exiliados. Aos poucos días
reunímonos na casa de Horacio Bermúdez Abente e alí por suxerencia de Luís
Seoane fundamos a Loxia de exiliados e puxémoslle o nome "Antolín Faraldo", en
homenaxe a ese destacado estudiante nacionalista. Entre os membros da "Antolín
Faraldo" lembro entre outros a Gumersindo Sánchez Guisande, ese gran médico que
atendeu a Castelao. Tamén participan o deputado de Esquerda Republicana Elpidio
Villaverde, Rey Baltar e Eduardo Blanco Amor (durante unha breve etapa). Creo
que esta loxia foi moi importante no traballo cultural creando ou impulsando
editoriais e todo tipo de iniciativas culturais. Creo que unha das grandes obras
impulsadas pola "Antolín Faraldo" foi a fundación do Fogar Galego para
Anciáns de Doncelar".
O médico Gumersindo Sánchez Guisande lembra a fundación do Fogar: "...No
ano 1942 estabamos reunidos no café "La Asamblea" da Avenida de Maio un antigo
residente bonaerense, don Miguel Portela, xunto a dous recén chegados Horacio
Bermúdez Abente e eu. Ese día o xornal "La Prensa" traía a nova en recadro de
terse atopada morta a causa do frío a unha anciá galega, natural de Ourense. A
emoción conseguinte que nos causou o feito fíxonos reaccionar da maneira máis
lóxica, é dicir, a máis galega: buscar de inmediato un lugar para resgardar a
eses desherdados da sorte. Pensamos vernos con Jacobo André da firma "André e
Touriño" e cara a alá nos diriximos. No camiño atopámonos co poeta Arturo
Cuadrado que nos acompañou para a entrevista. A idea prosperou e foinos moi útil
na emerxencia o señor Jacobo. O caso é que, pouco despois, o que parecía un soño
foi unha concreta realidade. Nós reuniámonos os domingos nun apartamento que
tiñamos alugado na "Pasaxe La Rural", co doutor Antonio Baltar, Manuel Picón e
Luís Seoane. Arturo Cuadrado redactou o manifesto dirixido á colectividade e os
formularios para se inscribir e de inmediato nomeouse unha comisión para
redactar os Estatutos...".
Cuadrado realizou en Bos Aires un intenso labor editorial, Seoane lembra este
traballo que en moitos casos foi un labor conxunto: "...Pasaron moitos anos e
desde hai uns trinta editou en Bos Aires, onde foi a vivir, moitos libros. Tiña
comezado a editar en Galiza. Na capital arxentina foi cofundador e codirector de
tres editoriais. A derradeira "Botella al Mar" é unha editorial bohemia sen
local propio, sen despacho de dirección onde atender ao autor, ou ao público en
xeral porque todo isto faise na rúa, ou en calquera librería ou galería de arte
onde se atope Cuadrado.
Mais a empresa funciona e pódese dicir que a maioría da nova literatura
arxentina publicouse nesa editorial, e, tamén algún dos poetas hoxe máis
prestixiosos...".
Cuadrado relátanos os seus primeiros anos en Bos Aires: "... Ao pouco de
chegar eliximos o Café Tortoni como lugar de encontro despois de xantar. Alí
diariamente nos atopabamos un grupo de exiliados entre eles: Luís Seoane, Rafael
Dieste e a súa compañeira Carmen Muñoz, Antonio Baltar, Gumersindo Sánchez
Guisande, Colmeiro, Otero Espasandín e Lorenzo Varela. Tamén participaban outros
galegos que por distintos motivos viñan irregularmente como Federico Rivas, Xosé
Suárez e Núñez Búa".
Xunto aos exiliados participaban na tertulia escritores arxentinos de moita sona
no momento, quizais o de máis prestixio é a Naslé Roxlo, viña o escritor
brasileiro Newton Freitas, o debuxante norteamericano Ton Fanning e o debuxante
alemán Clement Moreau. O Tortini foi o noso lugar de soños, alí fundamos
editoriais, revistas literarias, nese Café de Bos Aires contabamos os días para
que caera o tirano e puideramos volver a nosa Galiza...".
O 18 de novembro de 1952 sairá á rúa o seu libro de poemas "Soledad Imposible"
editada por "Botella al Mar" con debuxos de Luís Seoane. Dirá Lorenzo Varela no
prólogo do libro: "Quizais esa voz chega ata nós desde a profunda, escura
fronte dun río nado en lonxanísima cova. A súa doce pesadume, as súas flores de
viva e desconcertada piedade, de fresca mágoa, abrindo o seu desconsolo á luz
dos días como buscando nela un transparente pano de alivio parece indicalo así.
Ata esa leve, delicada fatiga que adorna a súa canción podía revelar o fondo
desvelo, o recóndito recinto que a orixinou e onde tivo unha entrañable
anticipación do seu latido presente...".
Arturo Cuadrado durante o seu longo exilio na Arxentina tivo que sufrir nalgúns
momentos da súa vida persecucións e algunha que outra detención. Durante o
primeiro goberno de Perón estivo vivindo unha tempada en Montevideo xunto ao
poeta comunista Varela.
Durante varias décadas foi director do emblemático xornal "Galiza",
órgano da Federación de Sociedades Galegas. Na década dos setenta
Cuadrado casou cunha mestra noviña coa cal tivo dous fillos Presiliana e Ramón.
Cuadrado co restablecemento da democracia no estado español puido recuperar o
seu grao de comandante e foi homenaxeado polo Parlamento sendo nomeado deputado
honorario. As autoridades españolas, a través do propio Rei de España,
outorgáronlle a máis alta condecoración polo seu labor cultural e político.
Arturo Cuadrado morreu o 5 de agosto de 1998, cando tiña 95 anos de idade, nun
centro xeriátrico rodeado de libros e lembranzas.
Autor: Lois Pérez Leira
FONTE: Enciclopedia da Emigración Galega,
www.cigmigracion.com
www.galespa.com.ar