os oficios galegos máis tradicionais
Son moitos os
oficios tradicionais da nosa terra galega. Foron cambiaron moito co avance da
modernidade e a maior parte deles caeron en desuso.
OS OFICIOS MÁIS TRADICIONAIS DE GALICIA
Un destes oficios é o dos canteiros, que
coa súa sabedoría artística traballan a pedra para a construcción, e tamén a
lousa. Os canteiros son os labradores da pedra da arte popular e das máis
espléndidas e
fermosas obras da arquitectura galega e a súa existencia débese á abundancia de
granito, fundamento da paisaxe galaica. En toda Galicia pódese atopar unha
mostra destes excelentes artistas da pedra nas casas, igrexas, cruceiros, petos
de ánimas, hórreos, que constitúen as construccións máis típicas da
arquitectura popular galega. Moitos destes artistas da pedra foron
perfeccionándose a través do tempo e na actualidade teñen a Escola de Canteiros
no Convento de Poio, en Pontevedra. Os canteiros, especialmente os da Terra de
Montes, foron os artífices de boa parte do noso fecundo patrimonio monumental.
Cómpre lembrar que teñen unha linguaxe propia que utilizan para comunicarse
entre eles e que é chamada o "verbo dos arxinas"
ou "latín dos canteiros", pois coma moitos traspasaron
as fronteiras da súa terra de orixe, esta é unha maneira de crear vínculos de
fraternidade. Sempre levan a ferramenta propia consigo e acostuman instala-lo
taller ó pé da obra.
Pero para que os canteiros poidan traballar na pedra, antes, os
pedreiros
teñen que arrincar dos montes os bloques de pedra. Na actualidade esta tarefa
mecanizouse por completo, máis noutras épocas, para extrae-la pedra tiñan que
usa-lo pico, as cuñas, o martelón, e finalmente a dinamita para rompe-los
bloques de granito. Despois, co auxilio dunha ferramenta chamada "paoferro",
(unha barra de ferro usada coma palanca) subían ó carro dos bois estes
bloques de pedra.
Había outro oficio que era o dos chamados " serranchíns"
, eles eran os que preparaban a materia prima, a madeira, que cortaban estes en
táboas. A maior parte deles eran procedentes de Portugal. Xeralmente, ían dous
serranchíns e máis un axudante, que cargaban as ferramentas que necesitaban para
esta tarefa. Estas ferramentas eran a machada, serra de aire, serrón, que
hoxe case non se usan, pois existen os serradoiros con maquinaria eléctrica.
Dentro dos carpinteiros, hai que citar
que existen os de distintas especialidades. Está o carpinteiro de armar, que é o
que prepara e coloca a estructura dos pisos e tamén o teitume das casas.
Atopamos tamén o carpinteiro de ribeira, que é quen constrúe embarcacións de
todo tipo. Tamén está o cubeiro, encargado de
face-las cubas do viño; polo xeral estes eran traballadores temporais nas zonas
vitivinícolas. E por suposto, o carpinteiro de taller, que coma o seu nome
indica ten un sitio fixo. Este fabrica os mobles para a casa e tamén as portas e
fiestras.
O ebanista é máis especializado, e fai
traballos máis finos. O torneiro realiza pezas
de madeira torneadas. Producían obxectos de uso doméstico e foron ambulantes,
como moitos outros oficios artesanais de Galicia. Os que fan soamente carros son
os fragueiros, e os
rodeiros, moito máis específicos, que fan unicamente as rodas.
Outro oficio é o dos cesteiros. A arte
da cestería é anterior á cultura dos castros, a súa influencia pódese percibir,
segundo algúns arqueólogos, na decoración trenzada das olas castrexas, nas
alfaias prehistóricas e nos sinais de barro que cubrían as paredes das casas nas
citanias. Os cestos fanse tanto na vila como no medio rural, e a materia prima é
a madeira de castiñeiro, carballo, colmo (palla de centeo) e tamén vimbio.
Aínda
non hai moito que os ferreiros
fabricaban os utensilios agrícolas e tódalas ferraxes necesarias para os carros
e as casas. O ferreiro traballa na forxa, onde se instala o fogón ó que se lle
insufla aire co barquín. O material que utilizan é o ferro que extraen os
mineiros, laminado nas ferrerías, que antigamente tiñan un mazo
movido por unha roda hidráulica. Actualmente os ferreiros que non se dedican á
artesanía limítanse a repara-las ferramentas que se compran nas tendas. Os
ferradores, son ferreiros especializados. As ferraduras para as
cabalerías ou os canelos para os vacúns polo xeral encárganllos ós ferreiros,
aínda que hai algúns ferradores que as fan eles mesmos.
O oficio dos carboeiros é outro
que en Galicia tiña por principais clientes ás forxas dos ferreiros. O carbón
vexetal facíano con raíces de breixo ou polas de acacia, sometidas a un proceso
de combustión lenta. O producto era levado por eles mesmos ás vilas, ata que se
contou co transporte motorizado.
As tellas mailos ladrillos fanos os telleiros.
O elemento básico é o forno, onde se cocen as pezas, e polo xeral traballa o
mestre cos aprendices. Os telleiros do Baixo Miño, que ían traballar por toda
Galicia, conservan un "latín" chamado cabaco,
polo que son coñecidos como os cabaqueiros.
Un oficio que acadou moita raizame na nosa terra é o dos
zapateiros, que tanto fabrican como compoñen todo tipo de
zapatos. En Noia acadaron verdadeira liñaxe, e en Melide chegaron a contarse 20
talleres de zapateiros, que levaban os seus productos a distintas feiras. Alí,
coma en Santiago ou en Betanzos, chegaron a ter confraría propia.
Non se pode esquecer ós zoqueiros ,
aqueles que facían zocos e zocas,, calzado habitual entre as xentes dun país
húmido e aberto ás chuvias e neves das longas invernías que percorrían tódolos
camiños de Galicia. As empeñas de coiro eran feitas polos zapateiros. Os paos
que se facían eran de madeira de bidueiro, amieiro ou cerdeira. Os zapateiros
acostumaban traballar no seu taller pero o final do outono deambulaban facendo
os encargos que lles pedían. Neste caso levaban as ferramentas (aixola, trade,
macico...) nun cesto cun aro grande.
O oficio dos oleiros consiste en facer
con barro olas, xerras, cuncas, pratos, tarteiras, pucheiros...
Un dos oficios ambulantes é o dos cantorleiros
e zarralleiros. A súa labor consistía en
amañar pezas gastadas polo uso coas ferramentas que levaban nun caixón colgado ó
lombo. O cantorleiro ocupábase da louza que estaba rota e o zarralleiro
botáballe un remendo as tarteiras ou lles tapaba os buracos ás olas.
Tamén hai que nomear ós artesáns de instrumentos
musicais tradicionais, coma gaitas, zanfonas, e de percusión como
as pandeiretas e tambores. Este oficio tamén require que quen o fai teña
coñecementos musicais.
E o oficio ambulante por excelencia, é o de afiador,
o cal é moi característico de Ourense, e máis concretamente de Nogueira de
Ramuín. Os afiadores ían polo mundo, polos lugares máis afastados da súa aldea,
ofrecendo os seus servicios. Tamén eles crearon unha linguaxe peculiar e propia,
é o chamado "barallete", que fortaleceu a
comunidade do oficio. Levaban un asubío xeralmente feito de madeira de buxo que
facían soar co seu tan coñecido pregón: "¡Afiador e paraugueiro...".
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "galicia 2000: Cultura popular", Xunta de Galicia.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
www.galespa.com.ar