oficios artesanais: a olería en buño
BUÑO
é unha parroquia situada no corazón da Comarca de Bergantiños
e pertence ó Concello de Malpica (provincia da Coruña). A actividade dos seus
poboadores divídese principalmente en agricultura e gandería, actividade esta
última da que existe documentación que a acredita dende o século XVI e pola que
esta parroquia é máis coñecida.
A CERÁMICA DE BUÑO
A
antigüidade de Buño como pobo oleiro resulta difícil
de demostrar, pero as súas orixes poden remontarse ata á Prehistoria, época á
que pertencen os restos máis antigos atopados nesta comarca.
Coa
romanización introdúcese o torno, o que vai
supoñer un cambio moi importante na elaboración das pezas. Pero será a
principios da Idade Moderna cando a actividade da olería de
Buño comece a recobrar importancia; serán precisamente os oleiros desta
vila bergantiñá os que, no século XVI, fagan os canos para a primeira traída de
auga que se instale na cidade de A Coruña.
Nos séculos
seguintes esta actividade vai a máis e leva, ó mesmo tempo, ó crecemento do
núcleo urbano. No "Catastro do Marques de la Ensenada",
elaborado na mitade do século XVIII, figuraban en Buño 63 talleres, nos que
traballaban un total de 77 oleiros.
Durante o
século XIX os
oleiros
constituían o grupo social máis numeroso da parroquia de Buño. O 90% da
poboación tiña unha relación directa coa olería.. No ano 1920, había nesta aldea
uns 50 oleiros.
A actividade da
olería de Buño recóllese nesta canción popular:
"Os de Malpica son pescos,
os de Buño son oleiros.
Os de Carballo tratantes
e os da Brea panadeiros".
A importancia da olería de Buño debeuse en boa parte á comercialización que os
arrieiros, sobre todo, os procedentes da bisbarra de
"O Xallas", os xalleiros, levaban esta
cerámica pola maioría das feiras galegas.
A partir dos
anos sesenta esta actividade sofre unha profunda crise, estando a punto de
desaparecer, debido á competencia na praza de productos procedentes da
industria, que substituían a función das pezas artesanais. O temor de que esta
crise fixese produci-la desaparición dunha actividade tan antiga e arraigada na
vila motivou a creación de asociacións de oleiros que loitaron para manter viva
unha tradición vinculada a tódalas familias da aldea, dándolle un novo impulso
comercial a través da realización dunha mostra, que cada ano, polo mes de
agosto, se fai na localidade. Esta actividade reducíase case ós homes; as
mulleres axudaban ó transporte da lama dende as barreiras, a pisala con mazos de
madeira e nos traballos de cocción.
Oleiros de Buño
A
lama
extraíase do lugar chamado "O Coto dos Barreiros",
situado a uns dous quilómetros do núcleo de Buño, terreño de propiedade
municipal, arrendado polos oleiros.
Quitábase
durante os meses de verán polos propios artesáns, que facían un pozo de forma
circular, ata atopa-la auténtica lama.
A extracción da
lama facíase entre dous homes: o mineiro, que cavaba un pozo cunha pa ou
un pico, e outro por riba encargado de subi-la lama en cestos ou baldes.
Extraíanse varios tipos de lamas: unha máis plástica,
de lixa, e outra máis areosa ou de soltura, que
se mesturaban. Logo pisábase cun pisón ata converte-la lama en fariña e despois
peneirábase. Cada mañá o oleiro amasaba nunha bacía a lama necesaria para toda a
xornada. Na actualidade, moitos destes traballos realízanse con medios
mecánicos.
Aínda que en
Buño se continúan facendo formas tradicionais, incorporáronse moitas outras
modernas. Entre as pezas de máis tradición desta cerámica destacaremos as
seguintes : pucheiros, tarteiras, chocolateiras, xerras, cacheleiros, barreñóns,
viradeiras, cuncas e buguinas
"Ten este Buño o feitizo dunha vangarda milenaria,
botixo que renuncia ao volume pechado
para alucar a alborada"
(Manolo Rivas).
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "galicia 2000: Cultura popular", Xunta de Galicia.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
www.galespa.com.ar