oficios artesanais: os oleiros
É a cerámica unha das poucas actividades
artesanais da Comunidade galega da que se pode facer un seguimento histórico
polo miúdo, dende o máis afastado Neolítico deica chegar, ó longo dos séculos,
ós nosos días.
O
oficio dos oleiros consiste en facer con
barro, olas, xerras, cuncas, pratos, tarteiras,
pucheiros... Normalmente o propio oleiro realiza todo o proceso productivo,
desde a extracción da materia prima na barreira ata a comercialización nas
feiras.
O oleiro conservou o seu oficio por tradición e segue
producindo obxectos realizados en barro vermello,
primordialmente utilitarios na súa orixe e con medios rudimentarios. As aldeas
de oleiros tiveron unha grande importancia a comezos
deste século. No 1930 traballaban na olería arredor de medio milleiro de persoas
en Galicia, producíndose desde aquela un vertixinoso declive que foi levemente
contido nos anos 70 co redescubrimento e revalorización da artesanía por unha
sociedade que comezaba a ser consciente da súa importancia.
O taller instálase nunha dependencia a carón da casa ou na mesma cociña, sempre
co forno na proximidade inmediata. A preparación da vasilla faise no torno. O
tipo máis frecuente é o torno alto que se impulsa co pé, aínda que tamén se
utiliza o torno baixo nalgunhas zonas como Gundivós, onde o traballo adoitaba
ser feito polas mulleres.
O oficio dos oleiros que agromou onde a terra daba bos
barros e as súas xentes estaban máis dispostas
a traballalo, sufriu vicisitudes debido á industrialización, anque sempre
permaneceu latexando entre os nosos artesáns, mantendo as antigas formas,
relevos e colores que se transmitían de pais a fillos coma un rito. E coma un
ritual fai hoxe o artesán o seu labor movendo "a roda",
aloumiñando o barro coas súas mans para lle transmiti-la súa arte, deixando con
agarimo a peza enriba das táboas para despois, coa súa firma, porfillalas.
Na actualidade seguen traballando arredor de medio cento de oleiros,
distribuídos especialmente en dous grandes centros: Buño
(Malpica de Bergantiños-A Coruña) e Niñodaguia
(Xunqueira de Espadanedo-Ourense).
En calquera destes lugares empregan barro local para
producir un gran catálogo de pezas de torno,
apertón
ou colada para uso cotián (queimadas, xogos de café,
pratos, cuncas, viradeiras, porróns, xerras, pucheiros, etc) ou
decorativo
(figuras, sellas, hórreos, cestos, caretas, etc.).
Bonxe (Outeiro de Rei-Lugo), é unha aldea de oleiros a
piques de desaparecer, xa que os seus artesáns están xubilados ou traballan de
forma moi esporádica. A súas pezas caracterízanse por dispor dunha viva
decoración en arxila branca e por modelos propios,
como as caretas, porróns redondos, as cornetas ou as figuras. Algúns oleiros de
Gundivós (Sober), no sur da provincia de Lugo, conservan unha cerca actividade.
A súa olería é a única en Galicia que se realiza tradicionalmente nun torno
manual ou torno baixo, do mesmo xeito que nalgunhas zonas da provincia de
Zamora. As súas pezas con acabados negros e as veces impermeabilizadas con pez,
teñen unha grande forza estética e representan o tipo de olería de feitura máis
primitiva e enxebre de toda Galicia. Existen tamén oleiros en Mondoñedo (Lugo),
Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño (Pontevedra), e na cidade da Coruña (nos
dous últimos casos, procedentes de Buño).
A Olería e a Cerámica
Estes
dous oficios , na práctica e tecnicamente, son o mesmo. A causa de que se
consideren como oficios diferentes é sociolóxica. A olería
é unha actividade cerámica exercida no medio rural por artesáns que reciben o
seu oficio por transmisión familiar e a súa producción baséase fundamentalmente
en formas e decoracións herdadas, e polo tanto, propias de cada centro oleiro.
A cocción das pezas realízase en fornos de leña (anque
recentemente incorporaron fornos de gas, eléctricos ou de propano). Ó contrario
que na meirande parte da xeografía española, onde a influencia árabe supuxo un
gran desenvolvemento da cultura cerámica, incorporándose técnicas de esmalte e
ricas decoracións (Mediterráneo, Andalucía, Castela-A Mancha, Aragón, etc.), en
Galicia consérvense técnicas e decoracións moi primitivas e enxebres.
A cerámica podería considerarse como a evolución e
desenvolvemento da olería en múltiples facetas. Empréganse diferentes
pastas,
técnicas e acabados que se
axustan ós requirimentos do mercado actual. Os artesáns ceramistas adoitan ter
un nivel técnico e conceptual de formación medio-alto e, a miúdo, utilizan
procedementos e materiais cerámicos como medios de expresión plástica.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "galicia 2000: Cultura popular", Xunta de Galicia.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
www.galespa.com.ar