oficios artesanais: traballos con metais
Son
varios os traballos con
metais
que se poden atopar en Galicia:
Forxa e Ferrería: na nosa terra o
traballo do
ferro
tivo unha grande importancia ata comezos deste século, as ferrerías estaban
instaladas achegadas ós xacementos do mineral de ferro, na zona do Caurel
(Ferreirua, Ferreiros, Ferrería do Incio, etc. na provincia de Lugo) e na
provincia de Ourense.
A súa
producción principal era a de armas e ferramentas para o campo, tanto para o
mercado local, como para exportalas fóra de Galicia.
Nos últimos
anos, as forxas fóronse reducindo, ó desaparecer boa parte da demanda no campo
(ademais de producir obxectos de ferro, colocaban as ferraduras ó gando).
Algunhas delas aínda perviven gracias á estima polas boas ferramentas de corte
tradicionais (coitelos, fouces, gadañas, machadas... ) ou polos seus
particulares usos en Galicia que non son atendidos pola industria (fouces,
trepias,etc). Outras conseguiron reconverterse cara ó mercado da forxa
decorativa, e producen reixas, portas, balaústres, elementos decorativos,
esculturas, etc.
Ourivería, pratería, xoiería, acibechería
Son
termos directamente relacionados coa tradición artesanal de Santiago de
Compostela, anque na actualidade existan moitos obradoiros en toda Galicia que
producen unha ourivería (como termo xenérico)
con trazos autóctonos. Veña todo isto ou non das abondosas pegadas arqueolóxicas
dos tempos célticos e as súas xoias rituais ou diferenciadoras de tribos, castes
ou rangos (torques, virias, lúnulas, arracadas, diademas, etc.), o certo é que a
ourivería galega tradicional discorre paralelamente ás crenzas relixiosas ou
pagás. Boa mostra diso podemos atopala en calquera museo eclesiástico (como o da
catedral de Santiago) ou nas calidades atribuídas ó acibeche
de seu (as pedras de acibeche usábanse como talismán sendo indiferente a feitura
que se lles dera).
A pratería como oficio diferenciado dos
demais que empregan metais preciosos salienta por encargarse dos traballos máis
especializados e complexos, repuxados, cicelados, vaixelas e obras de volume
como trofeos ou artigos relixiosos (copóns, sagrarios, ornamentacións, etc.). A
capital de Galicia foi desde o Renacemento (s.XVI) un dos centros españois de
máis importancia en canto á producción de obras históricas de pratería.
O papel do acibeche na ourivería galega
é fundamental, e practicamente tódolos artesáns o utilizan dalgún xeito nas súas
creacións.Curiosamente o material procede principalmente de Asturias e nalgúns
casos de Portugal e Aragón. É tradicional a súa talla, que contou con
importantes mestres no último século, como Enrique Mayer.
A meirande
parte dos obradoiros de ourivería e
acibechería
están asentados en Santiago de Compostela e contan cunha Asociación Profesional
que vela para garanti-la calidade da súa producción.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "galicia 2000: Cultura popular", Xunta de Galicia.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
www.galespa.com.ar