oficios artesanais: o encaixe de camariñas
CAMARIÑAS
No
centro da Costa da Morte, a 50 km da Coruña e a 81 Km de Santiago de Compostela,
atópase Camariñas, a capital europea do encaixe. Ocupa unha península que pecha
polo norte a ría, e que leva o seu nome.
O municipio de Camariñas é eminentemente costeiro e mariñeiro. Ocupa unha
península con dúas caras completamente distintas: unha que mira cara ó mar
aberto e ofrece a estampa máis abrupta da Costa da Morte, e a outra, e a que
mira cara á ría e é un remanso de tranquilidade.
Camariñas é a
vila do faro Vilán, e precisamente foi chamada por un poeta como
"Pombiña do Vilán". Nas súas rúas e prazas aínda seguen a
traballa-las "palilleiras". Camariñas é moi coñecida
polos seus famosos encaixes de palillos.
Definición do encaixe
Denomínase
encaixe a un
tecido decorativo de fíos finos (metal, seda, liño, algodón, etc.), e
que se fabrica con agulla e
palillos
ou ben a máquina, sen ter outro tecido ou rede independente que lle sirva de
apoio.
Dentro desta ampla definición de encaixe podemos dicir que o encaixe de
Camariñas é un encaixe de palillos realizado a man entrelazando fíos sobre unha
almofada seguindo un debuxo previamente realizado en cartón ou picado.
Dentro dos
distintos tipos de encaixe existentes, o de Camariñas considérase de tipo
"guipur". Chámase así pola profusión de puntos de guipur (zurcidos)
nos seus deseños.
Orixes do encaixe
A orixe do encaixe podería estar nos entrecruzados das primeiras redes e mallas
que os nosos antepasados comezaron a tecer para a pesca ou a captura de
animais.
Nas culturas
antigas de Oriente apareceron as primeiras representacións de fíos entrecruzados
formando mallas nos vestidos. Ó pobo asirio, con moita afección ó uso de
bordados e outros adornos para teas, atribúeselle a paternidade da pasamanería,
que será logo o comezo do encaixe. Estas técnicas pasaron ós gregos, sendo
despois introducidas en Venecia durante o Imperio Bizantino. Os árabes tamén
contribuíron a estender estas técnicas na súa expansión cara occidente polo
norte de África, despois do século VII.
Na Península
Ibérica sábese que xa o pobo "íbero" realizaba
traballos de pasamanería, como quedou demostrado nalgunha das súas esculturas.
A entrada do
encaixe propiamente dito na Península realizouse a través de varias vías: coa
chegada dos árabes, a partir do século VII; nas relacións comerciais con Oriente
ou a través do Camiño de Santiago, vía que contribuíu ó troco cultural da
Península co resto de Europa.
A verdadeira
expansión do encaixe polos países do occidente europeo prodúcese a partir do
século XVI, cando se publican varios libros de patróns, dos que se fixeron
edicións en francés, alemán e inglés. No século XVII, Francia deulle un grande
impulso a esta arte coa creación de varios centros de fabricación en distintas
cidades do país, que decaen despois de estala-la Revolución Francesa, a finais
do século XVIII. En España, a arte do encaixe atinxe grande desenvolvemento
durante o reinado dos Austrias e, posteriormente cos Borbóns.
Introducción do encaixe en Galicia
Para explica-la
introducción do encaixe en Galicia, barállanse varias hipótese. Unha é a chegada
por mar, na que o encaixe foi traído por algúns dos pobos que se achegaron ás
nosas costas polas súas rotas comerciais, como aconteceu cos fenicios,
gregos, venecianos ou normandos. Outra explicación é a que o profesor Filgueira
Valverde defende: a introducción do encaixe en Galicia foi a través dos
emigrantes irlandeses do século XVI. Tampouco se pode nega-la influencia que
tivo o Camiño de Santiago na expansión da cultura e as artes.
O encaixe non
foi unha artesanía exclusiva da Costa da Morte, senón que se practicou ó longo
de toda a costa galega, desde Viveiro ata A Guarda. O feito de que se conservase
nesta zona pode ser debido ó illamento ó que estivo sometida, e que permitiu que
o sistema de economía tradicional perdurase ata máis tarde. Os cartos que se
obtiñan coa venda do encaixe servían de complemento á débil economía das
familias campesiñas e mariñeiras.
Palilladas
Despois
de pasados os meses de verán e rematadas as faenas do campo, era cando se
dedicaba máis tempo a palillar, polas noites,
sobre todo. A partir das oito e ata as doce ou unha da mañá, as palilleiras
xuntábanse en grupos nun local da casa dunha delas repartindo, entre todas, os
gastos de luz. Sentadas no chan, cos pés cruzados nun banco longo onde apoiaban
as súas almofadas, pasaban as horas movendo os seus palillos, ó mesmo tempo que
comentaban as novidades do día, contaban contos ou cantaban, para pasar mellor o
tempo.
Pero as
palilladas tamén servían como escolas de aprendizaxe. De aí o seu nome de
"escolas", para as nenas que se iniciaban no oficio e de centros
de diversión e namoro, xa que a elas acudían os mozos solteiros a mocear. Os
sábados organizábanse bailes de pandeireta e no entroido recobraban unha grande
animación.
Precisamente a esta relación de amoríos coas palilleiras fan referencia estas
cancións populares:
Palilleira que palillas
no cordón da almofada,
dime ti, palilleiriña,
a quen tes palabra dada.
O amor da palilleira
non o queiras meu irmán,
porque leva todo o día
sempre sentada no chan.
Eu nacín en Camariñas,
unha vila mariñeira
onde teño os meus amores
cunha nena palilleira.
Hai documentos que afirman que na bisbarra da Costa da Morte xa se facían
encaixes a finais do século XV. Pero será nos séculos XVIII e XIX cando o
encaixe galego atinxa un grande desenvolvemento, estendéndose pola Península e
por países de Sudamérica.
O oficio de
palilleira
era un dos máis abundantes entre as mulleres galegas. O fío que se utilizaba
procedía do liño que aquí se sementaba.
No ano 1921, o
importe de todo o encaixe vendido na provincia de A Coruña foi dunhas 3 millóns
de pesetas, exportándose a maior parte á illa de Cuba. Dedicábanse a esta labor
preto dunhas 20.000 persoas, entre mulleres e nenas. A crise do comercio do
encaixe en América, que comeza a finais dos anos vinte, fai que a venda exterior
case desapareza, ficando reducida a práctica desta artesanía á bisbarra da Costa
da Morte.
A posible
comercialización do encaixe a través do porto de Camariñas converte a esta vila
no centro encaixeiro desta bisbarra e de Galicia, aínda que os principais
exportadores estivesen nas vilas de
Ponte
do Porto, dentro daquel concello e en Muxía. Despois dunha etapa crítica a
práctica desta arte estivo a punto de desaparecer debido á transformación social
que se estaba a vivir, á incorporación da muller ó mundo do traballo, á
emigración a Europa ou ó pouco valor que se lle daba a este tipo de artesanía.
Nembargantes, nestes últimos anos, comezou un novo rexurdir que abriu un camiño
de esperanza para que non desapareza esta tradición que tantos anos se practica
nas aldeas e vilas desta bisbarra costeira.
A esta recuperación contribuíu moito a presencia do encaixe en exposicións,
mostras ou feiras de artesanía que se realizaron dentro e fóra de Galicia, que
levaron a que importantes deseñadores de moda incorporasen este producto ós seus
modelos.
A organización
na vila de Camariñas, a partir do ano 1991 da Mostra do
Encaixe de Palillos, marcou un novo feito histórico na expansión desta
artesanía. Nun dos seus folletos recollíase desta maneira a finalidade da mostra
devandita: "os obxectivos da feira son a promoción e a difusión do encaixe, o
encontro de tódolos sectores relacionados con esta artesanía e o cambio de
ideas, deseños, materiais, técnicas entre artesáns españois."
Na actualidade
segue a ser esta vila de Camariñas a que concentra a maior parte da actividade
do subsector encaixeiro e a pesar de que non hai un censo actualizado , pódense
estimar en máis de 3.500 o número de mulleres palilleiras.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "galicia 2000: Cultura popular", Xunta de Galicia.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
www.galespa.com.ar