As construccións galegas máis representativas
As construccións máis representativas da
arquitectura popular galega son as seguintes:
O
cruceiro é un
dos monumentos populares máis representativos de Galicia. Ten un marcado
carácter espiritual. Soe situarse no centro dalgunhas prazas e
encrucilladas, como referencia inequívoca e ostentando certo gran de
solemnidade. Moitos deles foron construídos por persoas ou pobos, por
algunha promesa, como pago dalgún favor recibido. Consta dunha plataforma,
pedestal, fuste, capitel e cruz. En ocasións aparece a cruz núa, sen ningún
tipo de figura, pero xeralmente predomina a imaxe do Cristo crucificado, que
pode ir acompañado doutras personaxes e elementos bíblicos.
O
peto de ánimas é
unha pequena construcción de pedra alusiva as ánimas que vagan polos camiños
e non atopan o descanso no purgatorio. Dispón dunha hucha na que se poden
introducir moedas en favor das almas errantes, para que descansen
definitivamente no ceo. Unha vez alí, intercederán por quen realizou o
donativo. Só o peto, que representa ás almas en pena, soe aparecer a cruz
núa ou con Cristo triunfante.
O
hórreo
ou cabaceiro
é unha construcción de singular importancia pola súa fermosura, que
caracteriza a paisaxe galega. Ten a importante función de servir coma
secadoiro e almacén do gran dende a prehistoria. Experimentou un maior
desenvolvemento a partir da introducción do millo en Galicia, no ano 1604,
polo almirante Gonzalo de Castro e a súa muller Magdalena de Luaces. En
ocasións aparece illado, nun espacio preto da casa labrega, pero a maior
parte deles soen agruparse na eira, formando un conxunto arquitectónico de
indubidable interese.
Os
muíños de auga,
parte en uso e parte en estado case ruinoso, desenvolveron unha importante
actividade na elaboración de fariña para o consumo humano e animal. O tamaño
e a forma poden variar, pero todos eles dispoñen da súa canle, gradilla,
cubo, canetón, pechadoiro, rodicio, aquillón e rá, mesa, tempero, veo,
traque, moa, pe, quenlla e moxega.
As
pallozas,
típicas da zona dos Ancares (provincia de Lugo) , son construccións
circulares ou elípticas, realizadas en pedra, madeira e palla de centeo
(colmo), destinadas a vivenda, corte e almacén. Son das máis primitivas
vivendas de Europa e datan das épocas prerromanas.
A casa labrega tradicional soe ter
paredes de grande grosor, construídas con pedras de distintas formas e
tamaños. Normalmente ten forma irregular, debido a que as condicións propias
do lugar sobre o que se asenta condicionaron a súa construcción e a que
experimentou ampliacións ó longo dos anos, para acomodarse ás necesidades. A
planta baixa está ocupada polo patio, as cuadras, o galiñeiro, algún
palleiro, a leñeira, o depósito de apeiros e en moitas ocasións tamén
aparece a lareira . Na planta alta sitúanse as habitacións, a cociña de
ferro, a despensa, as salas, galerías e o corredor. Moitas das dependencias
dispoñen de alacenas labradas nas paredes para gardar aparellos.
As vivendas mariñeiras son as casas
situadas en poboacións costeiras na zona das rías galegas nas provincias de
Pontevedra e da Coruña. Son estreitas construccións de dúas plantas nos
baixos das cales hai soportais e locais para garda-los aparellos de pesca.
Na planta alta está a vivenda con galerías de cristal, corredores de madeira
ou patíns de cantería.
O pazo é a casa solariega galega,
situada no campo, de maior tamaño e ostentación que a casa labrega. Algúns
pazos son señoriais e suntuosos, debido a que pertenceron á nobreza galega,
mentres que outros son máis rústicos e corresponden a acomodadas familias
agrarias.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "Galicia 2000: A
arquitectura popular galega"; Xunta de Galicia.
www.galespa.com.ar