os petos de ánimas
Os
petos de ánimas
atópanse en camiños e encrucilladas de toda Galicia, e son unha das
manifestacións materiais do culto ós mortos, da devoción polas ánimas.
Galicia é un pobo profundamente relixioso,
sentimento herdado dos seus antepasados e afincado en tradicións de santos
repartidos por toda a nosa terra. É xeral a crenza en milagres, pequenos e
grandes, e para todo se pide o favor do Ceo.
O seu significado
A crenza da continuidade da alma despois da morte e da existencia dun paso
intermedio para chegar ó
ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida, está moi
arraigado na mentalidade popular galega.
Dentro das construccións populares, os petos de ánimas
son os que evidencian a importancia do purgatorio
. A finalidade destes elementos populares é que os vivos poidan ofrecer
esmolas para a salvación das almas en pena que non encontran descanso
no purgatorio, e así alcancen a felicidade no ceo. Unha vez liberadas,
intercederán por quen fixo a ofrenda. Por tanto, trátase de procurar a
salvación dos mortos pero tamén de asegurarse a propia.
Moitos deles foron construídos pola devoción dun fregués ou polos veciños dun
lugar. Son moi curiosas as advertencias que se fan no seu nome. Por exemplo,
no de Famelga de Cotobade lese textualmente: "Un alma tienes y no más, si
la pierdes que harás...". Tamén se invita a recordar os nosos
antepasados: "Ave María Purísima. Acordaos de las ánimas de vuestros
padres o abuelos o tíos o parientes o amigos". E, noutra parte do
oratorio, apréciase esta inscrición: "Rogad por nos - Señor y socorrednos
con vuestros sufragios que nos pidiremos por vos". (páxina 97)
A súa orixe
As almas do purgatorio son a meirande devoción
galega despois de Cristo e da Nai; e, anque o culto teña a súa raigame no
cerne mesmo do espírito galego, as mostras que se conservan son serodias.
A idea do purgatorio, aumentada e revitalizada a partir do
Concilio de Trento (século XVI), fixo que se desenvolvese a práctica
da construcción destes monumentos populares cunha determinada iconografía.
Pero segundo parece, en Galicia é no século XVIII cando se fan a maior parte
destes monumentos dedicados ás ánimas; e os máis antigos conservados
corresponden ó século XVII.
Localización e dimensión
As encrucilladas aínda inspiran temor ós naturais do
país, e a súa causa está en que pervive nas crenzas actuais consideralas
como lugar que fora destinado ó enterramento, especialmente dos apartados da
comunidade cristiá, de aí a crenza de que polas mesmas vaguen durante a
noite as almas dos condenados.
Tanto a súa dimensión como iconografía son variadas, polo que é difícil
establecer unha morfoloxía xeral, aínda que si se pode indicar que o corpo
central do peto está composto por unha cavidade na que normalmente se
representa ás ánimas no purgatorio, en relevo, pintura…, e un peto ou hucha
para botar as esmolas. Estes elementos veñen a maioría das veces acompañados
doutros secundarios:
cornixas, pilastras, portiña de ferro
O Culto ós Petos de Ánimas
Tamén é habitual que ó pasar por diante do peto, se rece unha oración polas
benditas ánimas para que poidan saír do purgatorio. Tamén se lles agradece
algún favor feito, porque acostuman a axudar ós vivos; pídeselles axuda para
solucionar algún problema, e colócanselles flores no seu recordo, pois hai
que telas sempre presentes. As ánimas, sobre todo, ténselles respecto e non
se poden esquecer nunca.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "Galicia 2000: A
arquitectura popular galega"; Xunta de Galicia.
www.galespa.com.ar