AS PALLOZAS: reflexo do patrimonio
cultural de galicia
A serra dos Ancares, no límite das provincias de Lugo e León, conserva aínda
os últimos exemplos dunha das máis primitivas construccións do continente
europeo e reflexo do patrimonio cultural de Galicia :
as pallozas...
Esta construcción tradicional da zona, dedicada a
vivenda de persoas e animais ata hai poucas décadas, mantén unha
gran similitude coas edificacións dos antigos castros
prerromanos, polo que a súa existencia supón a conservación ó longo
do tempo do reflexo das vellas cabanas célticas e
retrotráenos ó berce da nosa historia.
Galicia conta , na actualidade, cunhas 250 pallozas, que están
principalmente na vertente occidental da Serra de Ancares, nas parroquias de
Donís, Pando e Cereixedo, anque outros moitos lugares e concellos da montaña
luguesa tamén contan con exemplares illados desta construcción.
Característica da palloza
A
palloza é unha construcción circular ou
elíptica, realizada en pedra, madeira e palla de
centeo
(colmo), destinada a vivenda, corte e almacén.
Persoas, animais, apeiros e alimentos compartían o mesmo espacio,
especialmente nos longos e duros invernos da zona. Esta organización
permitía afrontar os temporais invernais sen necesidade de saír ó exterior.
No centro da palloza acendíase o lume, que servía
para cociñar e para quenta-lo habitáculo. Ó seu redor estaban os distintos
espacios, separados por uns rudimentarios tabiques
construídos con táboas,espacios destinados a dormitorios, cortes, despensa,
almacén de alimentos para os animais, almacén de leña, etc. Ata o
forno estaba dentro da palloza.
Partes e elementos
En toda palloza podemos atopa-las seguintes características:
Constan dunha base ovalada, sobre a que se levanta un
muro, cunha altura media de 1,70 m. Todo o conxunto cóbrese de
colmo, palla entrelazada e cosida que fan as veces de cordas que atan
o tellado. Este descansa sobre o
pao que se coloca no centro de cada semicírculo, chamados
pes de armar, acabados nunha bifurcación, tesoirada. Cada un remata
nunha lousa situada no chan. E, en canto á
bifurcación de cada pao hai unha viga, o cume, da
que parten cara ós muros unha serie de madeiros,
tiradores ou cangos. En cuanto ó interior,
cómpre dicir que soen estar divididas en dous grandes partes, metade para as
persoas e metade para o gando. E na parte destinada a vivenda pode atoparse
a lareira e tamén unha pequena habitación. 
Hoxe en día, as pallozas xa non se usan como vivendas, e ó perder esa
condición quedan convertidas unicamente en corte,
palleiro ou almacén de productos agrícolas.
Entón, comeza o seu deterioro. E simultaneamente a súa perda de valor e a
diminución da poboación, fai que se vaian perdendo os oficios necesarios
para construír ou manter unha palloza, ata o punto de que hoxe son contadas
as persoas capaces de amañar ou substituír o tellado dunha destas
construccións. Esta situación agrávase coa desaparición progresiva do
cultivo do centeo, do que se obtén a palla coa que se constrúen os teitos, e
o encarecemento da madeira de castiñeiro, parte fundamental da construcción.
Por este motivo , e por ser parte moi importante do patrimonio cultural da
nosa terra, na actualidade, emprendéronse tarefas destinadas á súa
conservación e a facilitar de novo á súa posta en valor. Algunhas delas xa
foron restauradas, e continúan, en xeral, dedicadas a usos agrícolas e
gandeiros, aínda que outras serán destinadas a usos culturais e sociais.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "Galicia 2000: A
arquitectura popular galega"; Xunta de Galicia.
www.galespa.com.ar