OS MUIÑOS EN GALICIA
Os primeiros muíños encontrados en
Galicia datan do Neolítico e son muíños de man,
chans onde se moían os grans fregando unha pedra contra outra. En época romana
utilizáronse os muíños circulares de man que na alta Idade Media aumentaron en
tamaño e pasaron a ser movidos por auga.
OS MUIÑOS
DE RÍO
O
muíño é unha máquina que utiliza a forza da
auga do río para moe-lo gran. Para iso move dúas grandes pedras e no medio
o gran; estas grandes pedras son capaces de converte-lo gran en fariña, sexa de
centeo, trigo ou millo.
Os muíños de río presentan dous tipos fundamentais: os de
rodicio coa roda motriz horizontal, que son os máis antigos
e abundantes e os de bruia coa roda
motriz vertical, que son máis recentes e se coñecen co nome de
aceas.
O muíño destinado ó trigo denomínase muíño albeiro.
Un muíño de rodicio horizontal consiste no seguinte:
A forza da auga que entra polo rego move o
rodicio, o chocar coas penlas, que son as que
reciben o impulso da auga, que roza co penedo e a
pedra. Como o gran de trigo ou centeo ou millo baixa pola
muxega
remata triturado entre as pedras. A zona do muíño onde vai o rodicio chamase
inferno, realmente é por onde sae a auga a gran
presión e choca coas penlas do rodicio, facendo xirar deste xeito a
moa, que realmente é a que tritura. A peza de atrás é para deixar pasar
máis ou menos auga, ou tapar simplemente. O freo
levanta máis ou menos a pedra do penedo podendo moer máis fino ou baixándoo de
todo impedirlle que xire. O tarabelo salta sobre a
pedra e fai vibra-la
cornizuela para que vaia deixando cae-lo gran. Os
muíños teñen mecanismos para detectar cando se termina o gran, incluso tamén
para levanta-la pedra para arranxala, cando se pon lisa.
O río recóllese nunha presa, logo desvíase por un
rego ata un tanque por
onde a auga penetra con forza no muíño para move-lo rodicio e normalmente ten un
quebradoiro para desviar outra vez a auga o río.
Os muíños poden ser comunitarios, neste caso cada
veciño dispón dunhas horas prefixadas para usalo- e reciben o nome de
muíños de herdeiros. Tamén poden ser de propiedade particular e entón
reciben o nome de maquías por chamarse así a cantidade
de gran que cobran por moer ( a maquía era sobre una libra - 600 grs. por cada
once quilos- e onde se alugaban a cambio de fariña).
Os muíños foron pezas moi importantes na economía e no desenvolvemento da vida
nas aldeas, así como do seu folclore, e das súas lendas. Hoxe, cubertos moitos
por hedras e silvas, fálannos dun pasado que se vai e da utilización de novos
medios técnicos para moe-lo millo , o trigo e ou o centeo.
No muíño xurdiron cancións, refráns, contos e ata unha danza:
"a muiñeira". Unha muiñada
era unha antiga xuntanza festiva de mozos e mozas en torno os muíños, mentres
se esperaba pola vez para moer...
Unha noite no muíño
unha noite non é nada
unha semaniña enteira
esa sí é muiñada.
O muíño do meu pai
eu ben lle sei o tempero:
cando está alto, baixalo
cando está baixo, erguelo.
Fun esta noite o muíño
nin moín nin muiñei;
perdín a trenza do pelo
iso foi o que gañei.
Ademais dos muíños de río, hai muíños de vento
e muíños de mar ou de marea.
MUIÑOS DE
VENTO
En gran parte da costa galega sopran ventos constantes o longo do ano, a unha
media de 25 km/h. Esta enerxía foi aproveitada cos muíños de vento, utilizados
normalmente en Galicia como substitutos dos muíños de río en épocas de seca.
Corresponden o tipo de muíño fixo de torre,
construcción cilíndrica de pedra e tellado cónico. Mediante
abanos
ou aspas de madeira, ou con
velas,
recollían o vento e facían xira-los mecanismos internos para moe-lo gran.
Moitos destes muíños de vento están derruídos, pero desde hai uns anos estanse
recuperando algúns, tal como ocorre cos situados no monte Abalo, en Catoira,
fronte á ría de Arousa.
MUIÑOS DE
MAR
As zonas costeiras atlánticas teñen mareas vivas,
con gran diferencia do nivel de auga entre preamar e baixamar. Son , pois,
propicias para aproveita-la enerxía maremotriz con
muíños de mar ou de marea.
Os muíños de mareas en Galicia constan dun edificio no que se colocan os
mecanismos para moe-lo gran, e dun gran muro de pedra con comportas de
madeira. Cando sobe a marea ábrense as comportas do muro e a auga inunda a
presa ou recinto no que queda retida a auga. Cando a marea baixa, ábrese
unha comporta do muíño e a auga descende polo seu propio peso, cara ó mar, e
move o rodicio; a partir de aquí funciona igual cos muíños de río.
Actualmente están restaurados algúns muíños de mar, como o da Seca, en
Cambados, o das Mareas en Muros, e o das Acenas na Illa de Arousa.