OS HÓRREOS
O hórreo (piorno,
canastro, cabazo, cabaceiro) é unha das construccións típicas de
Galicia e complementarias da vivenda rural. Está destinada a garda-lo
millo e outros froitos. A súa forma e o seu nome, varía dunhas
comarcas a outras, aínda que todos cumpren as condicións fundamentais de
ventilación para o secado do gran e de defensa contra os roedores.
Polo que respecta á arquitectura popular, hórreos
e muíños representan as construccións máis
importantes, por canto na economía tradicional o gran foi o elemento
primordial da alimentación da poboación galega durante séculos. Despois da
incorporación do millo ó sistema de cultivo
produciuse un enorme incremento na producción de cereal, que comportou a
construcción de gran número de hórreos, nos que se gardan as
mazorgas e as espigas, e de
muíños, nos que o gran se converte na fariña que logo se coce para face-lo
pan.
Sobre a súa orixe, existen varias teorías, pero o máis probable é que xurdiría
en plena cultura castrexa como almacén ou
secadoiro de grans. De calquera xeito, o clima húmido durante o
inverno en Galicia e a necesidade de illa-los alimentos, en especial, os
cereais, esixiría a utilización dalgún recipiente, seguramente un
cesto pendurado ou sobre pés, o que daría orixe ó primeiro
cabazo.
As primeiras noticias históricas sobre o hórreo atopámolas en diversos autores
romanos, nos séculos I antes de Cristo, e descríbense dunha feitura moi
semellante ós de hoxe. Na Idade Medía aparecen debuxados por primeira vez
nas
Cantigas de Santa María, de Afonso X O Sabio (século XIII).
Están constituídos por cámaras xeralmente rectangulares coas súas paredes de
pedra e madeira con cuberta de tella a dúas augas e algúns adornos -cruces
e pináculos-, que descansan sobre
pés ou cepas de pedra e, en
ocasións, sobre celeiros (espacio baixo a
cámara pechado por paredes que poden ter distintos usos), a fin de
protexe-lo cereal da humidade do chan e máis dos roedores, para o cal os pés
soen levar
tornarratos -ou tamén chamados moas-,
habendo que acceder a eles por escadas de man. Normalmente, para facilita-la
ventilación destes graneiros, ademais de ter
físgoas para o aire, dispóñense en lugares
abertos nos que o vento circula con facilidade.
Hai hórreos construídos totalmente de pedra e igualmente de madeira, mixtos
(pedra e madeira), outros feitos de varas de carballo, castiñeiro e
salgueiro. A cubrición realízase con tella, palla, granito ou lousa.
TIPOS DE HÓRREOS
A maioría dos hórreos son de pedra , de
madeira ou mixtos, de pedra e madeira. Os
hórreos con cámara integramente de madeira son escasos.
O hórreo de madeira
Aparece normalmente apoiado sobre seis pés dereitos, troncocónicos e
coroados por seis moas coa cara superior convexa, que sustentan unha cámara
de madeira construída por unha armazón normalmente de castiñeiro, sobre
catro trabes que forman a grade enriba das que se montan, nas esquinas,
catro columnas que reforzan o conxunto e formando na parte superior outra
armazón semellante ás trabes, denominadas soleiras ou "contravigas", que
servirán de base á cuberta. O tellado a dúas augas. Esta tipoloxía é a máis
vulnerable ó paso do tempo.
O hórreo mixto
Xorde polo incremento do cultivo do millo durante o século XVII. Presenta
moitas variantes
constructivas; nalgunhas parroquias rurais é a variedade maioritaria,
favorecida pola riqueza granítica e forestal dos nosos montes. Súas paredes
penais son de pedra, nunha das cales, polo xeral, vai a porta, e as costais
de madeira, a veces con algunhas columnas de pedra intercaladas,
levantándose nalgúns casos sobre pés redondos ou cuadrangulares e noutros
sobre cepas; hai tamén hórreos que son variantes do anterior coas paredes
dos costados na metade inferior de pedra, cos respiradoiros horizontais, e a
metade superior de madeira.
A diferencia dos anteriores os tellados adoitan estar adornados con elementos
decorativos, o arcipreste, a cruz, o reloxo de sol, unha representación
escultórica.
O hórreo de pedra
Este tipo de canastros acadan a miúdo un valor constructivo e arquitectónico
que os converte en apreciadas obras de cantería. A súa aparición dátase a
partir do século XVIII, adquirindo unha gran perfección formal nas zonas
graníticas da Galicia atlántica.
Outra variedade son os cabazos, de planta circular e
feitos con vimbios sobre unha estructura de paos, antes moi numerosos, máis
hoxe en día xa case desapareceron por completo
O hórreo, dada a súa función de garda-la colleita, froito do traballo de todo
o ano, ten para ó labrador
unha enorme importancia, ás veces superior á casa. Por esta razón presta
moita atención á calidade da construcción e á busca da súa localización, a
súa orientación, e coida dunha boa aireación que seque os cereais. Esta
busca orixinou nalgunhas aldeas verdadeiros campos de hórreos, por situalos
tódolos veciños no mesmo lugar.
Tamén, o hórreo, é a manifestación externa da situación económica do seu dono.
A súa capacidade mídese pola lonxitude expresada en pés. A maior número de
pés, maior riqueza do labrador.
O hórreo, tamén pode ser de varios donos, polo que se divide interiormente e
cada un ten acceso independente por portas distintas. Os hórreos de maior
dimensión corresponden case sempre a igrexas, mosteiros, ou pazos, que
outrora foron propietarios da boa parte das terras; pódense nomear : O de
Santa Baia de Araño (Rianxo) que mide 37,30 m de longo por 2,40 m de largo e
ten celeiro, e O de Santa Comba de Carnota que mide 34, 80 m por 1, 90 m con
22 pares de pés.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "Galicia 2000: A
arquitectura popular galega"; Xunta de Galicia.
www.galespa.com.ar