Antonio Soto Canalejo, o líder da Patagonia rebelde

Antonio Gonzalo Soto Canalejo naceu o 8 de outubro de 1897 na cidade de
Ferrol. Foron seus pais Antonio Soto Moreira e Concepción Canalejo González. O
pai de Soto morre, ao pouco de nacer este, na Guerra de Cuba a bordo do barco
Oquendo. Cando Antonio fixo tres anos, súa nai volve casar, con Eduardo Rey, e
marcha con toda a familia á Arxentina. Antonio tivo problemas de adaptación co
seu padrasto, o que é determinante para que a nai o enviase novamente a Galiza.
Despois dalgúns anos en Ferrol, en 1914 con dezasete anos, Antonio Soto regresou
a Bos Aires. A cidade era un fervedoiro político, con folgas, manifestacións ou
xornais anarquistas que chamaban á loita.
A revolución rusa de outubro de 1917 foi, seguramente, o feito máis
significativo para a formación política de Antonio Soto, como tamén o foi para o
movemento obreiro arxentino daquel momento. Antonio seguiu con grande ilusión os
acontecementos dos obreiros bolxeviques.
Aos 22 anos Antonio Soto incorporouse á Compañía de Teatro "Serrano Mendoza",
que facía o percorrido dos portos patagónicos. A Compañía, nunha de tantas
viaxes, trasladouse ao porto de
Río Gallegos. O clima obreiro desta cidade atrapou o mozo Soto. Antes de
actuar e ao saír do teatro, Antonio ía visitar o local da Sociedade Obreira. Alí
escoitou ao xornalista vasco José María Borrero, quen asesoraba á Sociedade
Obreira. Este xornalista causoulle un grande impacto. Borrero ten unha
influencia decisiva nos traballadores de
Río Gallegos, e foi este quen viu en Soto un dirixente con moitas
posibilidades de desenvolvemento sindical. Tanto foi así que entusiasmou a Soto
para que abandonase a Compañía e se sumase ás tarefas directivas do sindicato.

Sociedade obreira de Río Gallegos
Aos poucos meses, o domingo 24 de maio de 1920, nunha asemblea xeral da
Sociedade Obreira de Río Gallegos, adherida á FORA, elixírono
Secretario Xeral da mesma. O panorama daqueles días era de moita tensión; por
unha banda os peóns rurais estaban en conflicto por mellores condicións
laborais, e pola outra, os estancieiros andaban preocupados pola crise da la e
os niveis de organización e de reivindicación dos obreiros anarquistas.
Ante estes feitos a central sindical declarou a folga xeral. A situación deses
días era moi tensa. A provincia de
Santa Cruz estaba paralizada polos folguistas.
A represión non se fixo esperar, a autoridade militar mobilizou aos mariños, á
policía e aboucouse á represión de todo o que cheiraba a folguista. Nun par de
horas encarcerouse ducias de activistas sindicais. Segundo as testemuñas da
época, Antonio Soto logrou escapar da persecución, refuxiándose na casa dunha
galega de armas tomar, que vivía nas aforas de Río Gallegos. A dona da casa era
coñecida entre os anarquistas como "Dona Máxima Lista", ou sexa, maximalista.
O 28 de xaneiro de 1921 no transporte "Guardia Nacional" embarcou o 10º
Rexemento, ao mando do Tenente Coronel Varela, rumbo a Puerto Gallegos. O 29 de
xaneiro chegou, despois de varios meses de estar nomeado, o gobernador da
provincia. A chegada do novo gobernador Yza permitiu entrar nunha etapa de
achegamento entre as dúas partes e comezaron así as negociacións. Durante estes
días o gobernador Yza puxo en liberdade aos presos sindicais e suspendeu o clima
de represión que se vivía nas cidades do sur. A actitude dialogante e a promesa
de cumprimento das reivindicacións dos traballadores permitiu a fin da folga.
En xullo de 1921 producíronse varios episodios que levaron á ruptura entre
obreiros e patróns. As condicións pactadas cos estancieiros non se cumprían na
súa totalidade. Mentres tanto, ao contador Eloy del Val, da Sociedade Anónima
Mercantil da Patagonia en Puerto Deseado, disparáronlle dez balazos pola ventá
da casa. O motivo era ter despedido a obreiros. O contador saíu ileso, mais o
atentado tivo unha grande repercusión en Bos Aires. Ao doutor Sicardi,
presidente da Liga Patriótica de Santa Cruz, membros da Sociedade Obreira
parárono na rúa e quitáronlle a arma que portaba. Conforme pasaba isto na
cidade, no agro sete estancias foron tomadas polos peóns facéndose coas
cabaladas. Mais será seguramente o episodio da noite do 9 de xullo, día patrio
arxentino, un día que marcará os futuros acontecementos. Esa noite era a
culminación de toda unha xornada de actos patrióticos en celebración da
Independencia Arxentina. O Hotel Español foi o sitio elixido para realizar o
banquete, no que participaron as personalidades máis destacadas da provincia.
Case cen comensais estaban listos para cear cando un dos camareiros avisa ao
cociñeiro Antonio París, paisano de Soto, que entre os presentes se atopaba
Manuel Fernández, dono da firma Varela Fernández, empresa esta boicotada por
orde do galego Soto. Antonio París xunta os camareiros e en nome da Sociedade
Obreira prohibe que sirvan as mesas. Os seus compatriotas galegos secundan a
decisión do delegado da Sociedade Obreira. A negativa dos galegos crea unha
grande indignación entre os presentes, que consideraban que era un agravio
contra a Patria. Ante esta situación os presentes resolven servirse eles mesmos,
baixo a ollada atenta dos camareiros, que ven gañada unha pequena batalla. Esta
actitude de insubordinación e antiarxentinidade, segundo os estancieiros,
provocou que os distintos sectores burgueses fixesen causa común contra os
traballadores.
As tensións en Río Gallegos cada vez foron maiores e Antonio Soto tivo que
sufrir os ataques dos outros sectores sindicais alentados polos sectores
reaccionarios.
En Río Gallegos a policía encarcerou a Antonio París, membro da Asociación
Obreira. Durante a detención pecharon o local sindical. O día 24 de outubro de
1921 declarouse a folga xeral.
En Bos Aires, o Presidente Yrigoyen volveu solicitar ao seu amigo, o Tenente
Coronel Varela, para que se fixese cargo de reprimir na Patagonia. Mentres o
militar prepara aos seus soldados no Cuartel de Campo de Maio, Antonio Soto, o
31 de outubro, levantou as peonadas das estancias "Buitreras", "Alquina",
"Rincón de los Morros", "Glencross", ademais de "La Esperanza" e "Bella Vista".
Unha longa columna de 300 obreiros rurais aproximáronse ao Turbio e a Punta
Alta. Os outros delegados levantaron ao persoal de todas as estancias desde Lago
Arxentino ata Punta Alta. En menos de sete días, eses homes sublevaron a
extensísima rexión do sueste do territorio Santacruceño. Esta primeira parte,
dirixida por Soto, foi absolutamente pacífica. O movemento buscaba a liberdade
dos presos do Río Gallegos. O 5 de novembro todo o sur de Santa Cruz
paralizárase. Varias son as columnas de sesenta, de cen, de douscentos homes que
marchan coa bandeira vermella polas desoladas terras do sur.
A noite do 6 ó 7 de decembro foi unha das máis longas da vida de Antonio Soto.
Os militares estaban á porta da estancia "La Anita". Os traballadores reuníronse
en asemblea. Juan Farina, de orixe chilena, propuxo rematar coa folga e negociar
cos militares. A maioría dos peóns chilenos apoiaron a proposta. Despois falou o
anarquista alemán Pablo Schulz, quen sinalou que o único xeito de triunfar era
pelexando.
Antonio Soto, cunha asemblea propensa, xogou a súa última carta e propuxo que se
envíen dous homes con bandeira branca ata onde estaban as tropas e que pidan as
condicións perante o xefe militar, sobre a base da liberdade dos compañeiros de
Río Gallegos e o cumprimento das cláusulas do convenio no ano anterior. Dous
chilenos serán os encargados da dita misión. Ao chegaren á zona dos militares
son automaticamente fusilados, negándose aqueles a calquera tipo de
negociacións. Os xefes militares envían tres soldados con bandeira branca, que
lles comunicarán aos rebeldes que o exército soamente está disposto a
ofrecerlles a rendición incondicional, e que a cambio desta todos serían
respectados e tratados con corrección. Os dirixentes piden un prazo dunha hora
para se reuniren en asemblea. O dirixente chileno Farina é partidario de aceptar
a proposta dos militares. Schulz, pola contra, é da opinión de, máis que nunca,
resistir. Entrementres, Soto dará o discurso da súa vida. Osvaldo Bayer relata
así esta parte da asemblea: "En ton máis que dramático, a berros chama a
atención de todos. Este máis galego que nunca ao falar:
`Fusilaranvos a todos, ninguén vai quedar con vida,
fuxamos compañeiros, sigamos a folga indefinidamente ata triunfarmos. Non
confiedes nos militares, son a ralea máis miserable, traidora e covarde que
habita a terra. Son covardes por excelencia, son resentidos por estaren
obridados a vestir uniforme e a obedecer toda a vida. Non saben o que é o
traballo, odian a todo aquel que goza de liberdade de pensamento. Non vos
rendades, compañeiros, espéravos a alborada da redención social, da liberdade de
todos. Loitemos por ela, vaiamos aos montes, non vos entreguedes´.
Golpea os puños, bate no peito, berra, ata lle caen as bágoas ao galego cando a
xente non lle responde nada. Velaí está Antonio Soto, alto, cunha gorra
revolucionaria, falando do que é a liberdade. Tenta levantar coas súas palabras
un ánimo definitivamente morto e conforme xa coa súa sorte. Soto non se quere
dar por vencido. É esta a súa derradeira asemblea, alí, fronte a esa paisaxe
marabillosa.
"Sodes obreiros, sodes traballadores. Seguide coa
folga, triunfade definitivamente para conformardes unha nova sociedade onde non
haxa pobres nin ricos, onde non haxa armas, onde non haxa uniformes, onde haxa
ledicia, respecto polo ser humano, onde ninguén se teña que axeonllar ante
ningunha sotana nin ante ningún mandón".
A asemblea pasará a votar e gañará a posición de Fardan. Schulz dirá que está
totalmente en contra pero acatará a decisión da asemblea. Soto, pola súa banda,
vaise manifestar tamén en contra desta, indicando que el non vai caer nas mans
dos militares e que non vai dar a súa vida en forma tan miserable. Fai un último
chamado a todos para que o sigan. Soto despídese dicindo:
"Eu non son carne para lles botar aos cans. Se é
para pelexar, quedo, mais os compañeiros non queren pelexar".
(Testemuño de Fernández e Lada).

Rendición incondicional dos folguistas en "La Anita", aquí foi o
lugar do maior número de executados.
A Soto ségueno doce folguistas, e aproveitan a caída do sol para fuxiren a
cabalo cara á Cordilleira. Esa noite foi terrible. Os militares realizaron unha
auténtica carnicería humana e a maioría dos folguistas rendidos foron
humillados, torturados e fusilados. Segundo as cifras que se manexan, entre
cincocentos e seiscentos foron os folguistas que se renderon na estancia La
Anita. Segundo os anarquistas da FORA, en La Anita fusilouse entre 150 e 250
folguistas, e durante todo o conflicto, ao redor de 1.500 traballadores.
Antonio Soto e ao seu grupo foxen a Chile polo paso da Sentinela, logo de cinco
días de cabalgaren pola Cordelleira perseguidos polo exército arxentino e os
carabineiros chilenos que intentaban que non penetrasen no país. Soto logrou
chegar a Porto Natales. Alí os compañeiros da Federación Obreira agochan a Soto.
Os dirixentes chilenos, sabedores dos perigos que corría nesa cidade, deciden
envialo en barco deica Punta Arenas, onde encontrará refuxio na propia sede da
Federación Obreira Magallánica. En Punta Arenas botará algúns días ata que por
recomendación dos seus compañeiros terá que seguir rumbo a Valparaíso. Soto
instalouse nun pequeno hotel do porto desta cidade, onde coñeceu á filla dos
propietarios da vivenda na que residía. Aos poucos meses casou con Amanda Souper
e trasladouse a Iquique, ao norte de Chile. Co seu primeiro matrimonio tivo seis
fillos: Alba, Antonio, Mario, Aurora, Amanda e Enzo. Nesta cidade salitreira
tivo un accidente e trasladouse a vivir en Santiago de Chile. Aquí seguiu a súa
actividade política de xeito clandestino mentres traballaba como chófer do seu
propio autobús. As persecucións policiais levárono a mudar o seu domicilio
continuamente ata que decidiu trasladarse a Valparaíso e el decidiuse marchar
como peón rural ata que se instalou en Punta Arenas, para logo trasladarse a
Porto Natale. Nesta cidade instalou un cinema ao que lle puxo o nome de
"Libertad". Nesta cidade última non lle foron as cousas ben o que lle empurrou a
retomar o seu oficio de traballador rural, sendo durante moitos anos asesor dos
sindicatos do sur chileno.
En 1936 cando se declara a guerra civil en España, Soto intenta ir pelexar pola
República, pero a súa saúde non llo permite. O 5 de marzo de 1938 volverá casar
cunha chilota (da illa de Chiloe), Dorotea Cárdenas, con quen terá unha filla,
Isabel Soto. En 1945 a familia trasladarase a Punta Arenas, onde traballará como
obreiro nunha fundición na que arranxaban motores de barco, logo poñerá un posto
de froitas no mercado e un restaurante, "Oquendo", en homenaxe ao nome do barco
en que navegara seu pai.
Neses anos funda o Centro Republicano Español, o Centro Galego e
mais a filial da
Cruz Vermella Internacional.
A saúde de Soto obrigouno a deixar o restaurante, polo que decide poñer unha
pensión, que levará o seu apelido e que está situada na rúa Ecuatoriana, e
apóiase economicamente cun camión que facía fletes desde o porto.
En 1962 abandonou todo tipo de traballo e o 11 de maio de 1963 falece en Punta
Arenas por mor dunha trombose cerebral, ós 65 anos.
Unha verdadeira multitude acompañouno ata o camposanto. A comitiva estaba
encabezada por bandeiras da Cruz Vermella, do Centro Republicano e mais pola
bandeira galega levada polo Centro Galego.
Autor: Lois Pérez Leira
FONTE: Enciclopedia da Emigración Galega,
www.cigmigracion.com
www.galespa.com.ar