ALFONSO R. CASTELAO

Ediciós G A L I C I A
Do
CENTRO GALLEGO DE BUENOS AIRES
Miñas donas e meus señores:
SI NO ABRANTE d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e
percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única.
Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, té as rías de Pontevedra,
oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa
do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos;
ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de
Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os
montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria. O día de
festa comenza en Sant-Iago. A torre do reló tanxe o seu grave sino de bronce
para anunciar un novo día, e de seguida comeza unha muiñeira de campás,
repinicada nas torres do Obradoiro, que se comunica a todol-os campanarios
da cibdade. Pero hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha
festa litúrxica no interior da Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos
maravillosos, de brocados e ouros, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar
envexa á mesma Basílica de Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha
festa étnica, filla, tal vez, d-un culto panteista, anterior ao
cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbólicamente no Pico
Sagro; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpara votiva, o
sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos. Por eso
a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza,
de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes da veiramar
até as homildes espadañas da montaña. E o badaleo rítmico das campás -de
todal-as campás de Galiza en leda algarabía- semella o troupeleo dos cabalos
astrales, que veñen pol-a vouta celeste, turrando co carro de Apolo, que
trai luz e calor ao mundo en sombras. Hoxe é o Día de Galiza, e así comenza.
Así dá comenzo a solemnidade d-este día; a Festa maor de Galiza, a Festa de
todol-os galegos. Pero ninguén pode sentila, coma nós, os emigrados, porque
en tal día coma este revivien as lembranzas acuguladas, e coa moita
destancia agrándase o prodixio da patria. Hoxe a nosa imaxinación anda por
alá, en festa de saudades, escoitando as cántigas montañesas e mariñeiras
que van para Compostela, vendo o noso país embandeirado de azul e branco,
con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes... E dispóis de evocar o
repique matutino das campás -mal ou ben, ao xeito de Otero Pedrayo-, eu
podía evocar igoalmente, todol-os lances xubilosos d-este día, hora a hora,
minuto a minuto. Pero ¡cómo se tornan tristes as alegrías evocadas lonxe da
patria! ¡Cómo doen as ledicias arrincadas do recordo da nosa mocedade! E
cómo para min é certo o que dixo o mellor poeta da nosa estirpe:
Sen tí
perpétuamente estou pasando
Nas maores alegrías, maor tristeza
Non; é moito mellor evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, algo que
co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito de futuro, como unha
boa esperiencia. Podemos imaxinar, por exemplo, unha Santa Compaña de
inmortaes galegos, en interminabel procesión. Alí veremos as nobres
dinidades e os fortes caraiteres que dou Galiza no decorrer da súa Hestoria.
Verémolos camiñar en silenzo, coa faciana en sombras e o mirar caído na
terra dos seus pecados ou dos seus amores, agachando ideias tan vellas que
hoxe nin tansiquera seríamos capaces de comprender, e sentimentos tan
perennes que son os mesmos que agora bulen no noso corazón. Algúns verémolos
revestidos con ricos panos e faiscantes armaduras; pero os máis d-eles van
descalzos e nús, cos osos prateados pol-o fulgor astral.
Ao frente de todos vai Prisciliano, o heresiarca decapitado, levando a súa
propia caveira n-unha arqueta de marfin e afincándose n-un longo caxato, que
remata coa fouce dos druidas, a modo de báculo episcopal. Siguen a
Prisciliano moitos adeptos, varóns e mulleres. Detrás veñen dous magnates,
que cicáis sexan: Teodosio, o grande Emperador de Roma, e San Dámaso, o Sumo
Pontífice da cristiandade, seguidos ambos por unha hoste de soldados i
ecresiásticos. Ollamos dispóis unha ringleira de mortos escrarecidos, que
portan os atributos da súa dinidade ou da súa profesión. Alí distinguimos á
virxe Eteria, a escritora pelengrina, con túnica de branco liño e camiñando
con arfado compás. Ao hestoriador Paulo Orosio, discípulo de San Agostiño,
que marcha pensatibre, c-un rolo de pergameos na man. Ao bispo e cronista
dos tempos suevos, a Idacio, que alumea o camiño c-unha lámpara de bronce. A
San Pedro de Mezonzo, o autor da Salve Regina Mater -o cántico e oración
máis fermosa da Eirexa-, c-unha fragante azucena nos beizos. Ao fundador San
Rosendo, que sostén litúrxicamente a custodia do noso escudo tradicional. E
moitos, e moitos máis, que é dificultoso recoñecer. Logo vemos ao primeiro
Arzobispo de Compostela, o gran Xelmírez, revestido de pontificial, con
aurifulxente cortexo de mitrados e coengos. Após do perlado ven Alfonso VII,
o Emperador, con cetro na destra, espada na sinistra e coroa de ouro e
pedraría nas sens. Siguen ao Emperador: o Conde de Traba, seu aio, e demáis
bultos da soberba feudal de Galiza. Ollamos dispóis aos monxes letrados, en
longa fileira, con velas acesas e libros abertos. Ven detrás o mestre Mateo,
o Santo dos Croques, co Apocalipsis debaixo do brazo, encabezando unha grea
de arquiteitos e imaxineiros, que portan as ferramentas das súas artes. De
seguida aparece unha moitedume de xograres e trovadores, en mistura de tipos
e atavíos. Algúns semellan ter sido monxes; outros calzan esporas de ouro,
en sinal de que foron cabaleiros; pero os máis d-eles van esfarrapados, con
vellas cítaras, laúdes e zanfoñas ao lombo. Alí recoñecemos a Bernaldo de
Bonaval, a Airas Nunes, a Eanes do Cotón, a Pero da Ponte, a Pero Meogo, a
Xohán de Guillalde, a Meendiño, a Xohán Airas, a Martín Codax, a Paio Gómez
Charino, a Macías, a Padrón, e moitos máis, todos con lume no peito. Non
tardan en aparecer as dúas belidas e infortunadas irmáns, Inés e Xohana de
Castro, a que reinou en Portugal dispóis de morta e a que foi raiña de
Castela n-unha soia noite morna de vran, como dúas rosas de prata as coroas
do seu efímero reinado. Veñen de seguida os moitos varóns altaneiros de
Galiza, os señores feudales, que non souperon vivir en paz nin consigo
mesmos, todos eles montados en bestas negras, dende Andrade, o Bó, seguido
por un porco montés -símbolo totémico da súa casa-, até o valente Pedro
Madruga, que leva o puñal da traición espetado nas costas. Como grupo
singular destácase o Mariscal Pardo de Cela, xunto cos seus compañeiros de
martirio inxustamente decapitado, que sosteñen con entrambas mans as propias
cabezas, aínda frescas, que deitan sangue e piden xusticia. Tamén ollamos
unha boa representación do feudalismo ecresiástico, e n-él distinguimos aos
tres Arzobispos Fonseca, pai, fillo e neto, seguidos por unha mula cangada
coas obras de Erasmo. E detrás de tanto señorío feudal ven a pé o seu mellor
cronista, Vasco da Ponte. De seguida recoñecemos a impoñente tropa dos
irmandiños, que arrastran cadéas, con bisarmas e fouces mangadas en paus,
levando por abandeirado a Rui Xordo, que sostén en outo un facho de palla
acesa e fumeante.
Eiquí comeza a decaer a categoría do fúnebre cortexo, como decae Galiza ao
trocarse en povo vencido e subordinado. Pero sigue dando individualidades,
como Sarmiento de Gamboa e os Nodales, que camiñan xuntos, portando
astrolabios, atlas e cunchas estranas; o filósofo escéptico, Francisco
Sánchez, con muceta de Doutor; os Virreis de Nápoles e das Indias, Conde de
Lemos e Conde de Monterrei, que serviron lealmente a quen non merecía ser
servido por ningún galego; os tres grandes Embaixadores filipescoz, Zuñiga,
de Castro e Gondomar, que inútilmente derrocharon talento, sabiduría e artes
diplomáticas; os escultores Moure e Ferreiro, xunto cos arquiteitos Andrade
e Casas e Nóvoa, que ceibaron de cadeas a nosa orixinalidade oprimida; o P.
Sarmiento e o P. Feixóo, que remediaron o retraso cultural de España coa súa
poderosa erudición e o seu xenio enciclopédico. Ven axiña Nicomedes Pastor
Díaz, coa súa lira de nacra, abrindo a renascencia literaria de Galiza e
seguido pol-os poetas Añón, Rosalía, Curros, Pondal, Ferreiro, Lamas, Amado
Carballo, Manoel Antonio e tantos outros, todos con estrelas sobor das súas
frentes; os hestoriadores Vicetto, Murguía e López Ferreiro, os patriotas
Faraldo e Brañas, a pensadora Concepción Arenal, a escritora Pardo Bazán, e
por fin o gran Don Ramón, ainda non ben descarnado...
Acabo de citar uns cantos bultos da Santa Compaña de inmortaes galegos, uns
cantos nada máis, porque nos dous mil anos da nosa hestoria, os bultos
cóntanse por milleiros.
Dí Oliveira Martíns que ha Hestoria non hai máis que mortos e que a crítica
hestórica non é un debate, senón unha setencia. Pero todos sabemos que os
mortos da Hestoria reviven e mandan sobor dos vivos -moitas veces
desgraciadamente-, como todos sabemos que a mellor sentencia é a que se da
dispóis d-un debate. Por eso eu gosto de poñer a debate a nosa Hestoria, non
a nosa Tradición, porque si ben é certo que se pode compor unha grande
Hestoria de Galiza con soio recoller as crónicas dos seus grandes homes,
tamén é certo que ningún d-eles, nin todos xuntos, foron capaces de erguer a
intransferibel automomía moral de Galiza á categoría de feito indiscutibel e
garantizado. Afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo
máis que unha Hestoria fanada, conta c-unha Tradición de valor imponderabel,
que eso é o que importa para gañar o futuro.
Cando a Santa Compaña de inmortaes galegos, que acaba de pasar por diante da
nosa imaxinación, se perde espesura d-unha foresta lonxana, con esa mesma
imaxinación veremos xurdir do Humos da terra-nai, da terra, da nosa terra,
saturada de cinzas humáns, unha infinida moitedume de luciñas e vagalumes,
que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que todos xuntos
forman o substractum insobornabel da patria galega. Esas ánimas sen nome son
as que crearon o idioma que en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as
nosas artes, os nosos usos e costumes, i en fín, o feito diferencial de
Galiza. Elas son as que, en longas centurias de traballo, humanizaron o noso
territorio patrio, infundíndolle a todal-as cousas que na paisaxe se
amostran o seu propio esprito, co que pode dialogar o noso corazón antigo e
panteita. Elas son as que gardan e custodian, no seo da terra-nai, os
legados múltiples da nosa tradición, os xerms incorruptibeis, da nosa futura
hestoria, as fontes enxebres e purísimas do noso xenio racial. Esa moitedume
de luciñas representa o pobo, que nunca nos traicionou, a enerxía coleitiva,
que nunca perece, i en fín, a espranza celta, que nunca se cansa. Esa
infínda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que
nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre.
Velahí o que eu quería dicir n-este Día de Galiza, en loubor da nosa
Tradición, por riba da nosa Hestoria, a todo-los galegos que residen n-esta
terra que para nós é a segunda patria. E nada máis, amigos e irmáns.
Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do
lume nunca deixe de quentar os vosos fogares.

Leer discurso "alba de groria" en castelán

www.galespa.com.ar